div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O derbi da ACB entre os históricos Obradoiro e Breogán, este domingo ás doce menos cuarto pola TVG e AGalega.gal

A G2 ofrece o sábado sesión continúa de fútbol: Rácing de Ferrol-Ponferradina e Celta Fortuna-Córdoba

csag.gal 29/10/2026 10:55

Santiago, 29.10.2026.-   A TVG, a G2 e AGalega.gal ofrecen esta fin de semana baloncesto e fútbol de primeiro nivel, co derbi galego da Liga Endesa entre o Monbus Obradoiro e o Río Breogán como cita principal no mediodía do domingo. Antes, o sábado, a G2 e AGalega.gal emitirán o Rácing Club de Ferrol-Ponferradina e o Celta Fortuna-Córdoba.

A segunda canle da TVG e a plataforma web vivirán na tarde do sábado unha sesión continua de fútbol de elite. Ás catro e media, A Malata acolle o enfrontamento entre dous exequipos da Segunda División, o Rácing de Ferrol e a Ponferradina. O conxunto departamental é terceiro da Primeira Federación (Grupo 1) con 16 puntos tras nove xornadas (5 vitorias, 1 empate e 3 derrotas). Este encontro chega despois de ver cortada a súa racha de tres triunfos seguidos coa derrota por 2-0 en Anduva ante o Mirandés. A Ponferradina, que empatou 0-0 a pasada semana diante do Barakaldo no Toralín, suma 13 puntos (3 vitorias, 4 empates e 2 derrotas) e ocupa a décima praza.

Ao remate, a G2 e AGalega.gal conectarán con Balaídos, onde o Celta Fortuna tratará de sumar puntos para escalar posicións, xa que está preto do descenso ao figurar décimo sexto despois do 5-1 encaixado en Xirona. O Córdoba, undécimo con 15 puntos, vén de encadear dúas vitorias sen encaixar gol, a última 2-0 fronte ao Éibar.

Xa o domingo, a partir das doce menos cuarto, o Multiúsos do Sar será o punto de directo da primeira canle da TVG e de AGalega.gal co derbi Obradoiro-Breogán. Os dous afrontan a xornada co mesmo balance, tres vitorias e dúas derrotas, e veñen de perder a pasada fin de semana. Os santiagueses caeron por 30 puntos de diferenza en Tenerife e o equipo de Luis Casimiro sufriu ante o Unicaja o primeiro revés como local.

A tarde dominical volverá ser para o fútbol de Segunda RFEF na plataforma AGalega.gal. Desde as cinco da tarde, os afeccionados poderán gozar dunha sesión de multifútbol cos partidos Bergantiños-Ourense C. F., Compostela-Basconia e Coruxo-Sestao River. Ao remate da xornada, contra as dez e media da noite, a G2 e AGalega.gal poñen en marcha o ‘En Xogo’ cun amplo resume do Raio Vallecano-Celta, a última hora do Deportivo-Osasuna programado para a noite do luns e todos os goles das categorías da RFEF en que compiten os nosos equipos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade