O dúo K-Narias e o rapeiro vigués Dirty Suc actúan no primeiro 'Luar' do mes de maio, dedicado ao Día da Nai - CSAG
O dúo K-Narias e o rapeiro vigués Dirty Suc actúan no primeiro 'Luar' do mes de maio, dedicado ao Día da Nai
Polo escenario tamén pasarán a orquestra Acordes, a charanga tradicional galega Sete Aldeas e os membros do xurado de ‘Recantos’, que comeza esta noite a quinta fase do concurso

Santiago, 01.05.2026.- No seu primeiro programa do mes de maio, dedicado ao Día da Nai, o programa ‘Luar’ (21:40 h) recibirá a visita de K-Narias, o dúo español de reguetón e pop composto polas xemelgas Gara e Loida Hernández. Dúas décadas despois do seu debut, están inmersas nunha xira especial que conmemora os seus 20 anos de carreira e a súa permanencia na memoria colectiva de toda unha xeración.
O espazo da TVG tamén ofrecerá a actuación do rapeiro vigués Dirty Suc, que colaborou con artistas como C. Tangana e Hard GZ. Tamén coñecido como El Niño del 03, converteuse nun dos máximos referentes da música urbana na actualidade. Cun estilo particular, un perfil polifacético e letras directas en que trata temas moi diferentes, sen esquecer a identidade galega, a súa carreira foi medrando de xeito exponencial.
Polo escenario tamén pasarán a orquestra Acordes, a charanga tradicional galega Sete Aldeas e os membros do xurado de ‘Recantos’ -Boris Izaguirre, Manuel DeAndrade e Nuria Lorenzo-, que interpretarán cada un unha canción. Ademais, ‘Luar’ contará coa presenza dun convidado sorpresa e co humor de María Foscaldo, no seu papel de Sabela Grilo, e de Carla e Marcos, de Todo Mal.
No concurso ‘Recantos’, comeza esta noite a quinta fase do concurso, cun duelo que enfrontará a Fran Vázquez, procedente da Costa da Morte, e a Flor Becerra, representante da comarca Galicia Centro.