Nunha nova etapa pola costa da Coruña, 'Domar o vento' descobre paisaxes espectaculares en Cariño, Cabo Ortegal e Santo André de Teixido - CSAG
Nunha nova etapa pola costa da Coruña, 'Domar o vento' descobre paisaxes espectaculares en Cariño, Cabo Ortegal e Santo André de Teixido
O xinete Adrián Martíns continúa sumando aventuras, encontros e novos retos nunha das zonas máis impresionantes de Galicia

Santiago, 11.8.2026.- Durante a súa ruta pola costa norte de Galicia, Adrián Martíns, o xinete protagonista de ‘Domar o vento’ (22:00 h), fará unha parada na ría de Ortigueira para refrescarse xunto a Farruco e Grelo. Nunha contorna privilexiada, os tres compartirán un momento de calma e reflexión que reflicte o vínculo creado tras tantos quilómetros de viaxe, un instante de liberdade e complicidade en plena natureza.
Tras pasar a noite na Granxa do Souto, Adrián participará nas tarefas do día a día antes de continuar o camiño. Coidado dos animais, traballo no campo e vida rural marcarán unha divertida mañá en que devolverá coa súa axuda a hospitalidade recibida por parte dos seus anfitrións.
A partir de aí, ‘Domar o vento’ iniciará unha nova etapa pola costa da Coruña, descubrindo paisaxes espectaculares e compartindo experiencias coa xente do lugar. O camiño levará o programa por Cariño e Cabo Ortegal ata Santo André de Teixido, onde continuará sumando aventuras, encontros e novos desafíos nunha das zonas máis impresionantes de Galicia. Alí, Martíns coñecerá o párroco e enfrontarase ao reto de escalar unha vía ferrata.
