div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

No marco da programación especial arredor do 25 N, a TVG estrea o vindeiro mércores o documental 'Vivas'

Esta produción ofrece unha ollada diferente sobre a violencia de xénero, situando no centro as mulleres superviventes e os seus procesos de transformación

Os programas de actualidade ‘O Termómetro’ e ‘Hora Galega’ ofrecerán contidos sobre o 25N, mentres que a G2 emitirá novas entregas do espazo ‘Elas’, a webserie ‘Sophias: chiscadelas de pensamento e igualdade’, os documentais ‘Todas as mulleres que coñezo’ e ‘Onde máis doe’ e a película ‘Matria’

A plataforma dixital AGalega.gal creará un carrusel temático dedicado á data con contidos de divulgación, ficción, cinema e pezas documentais

csag.gal 20/11/2026 13:52

Santiago, 20.11.2026.-    A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) desenvolverá arredor do 25 de novembro unha programación especial nas súas canles e plataformas co obxectivo de conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o 25N. 

Televisión de Galicia ofrecerá contidos especiais nos seus programas de actualidade e entretemento, tanto no magazine ‘O Termómetro’, que abordará a violencia machista dixital, explicará como funciona a Rede Galega de Acollida e falará con vítimas de violencia de xénero, como no espazo da tarde ‘Hora Galega’, que desmontará os mitos do amor romántico e visitará unha residencia de acollida temporal.

É salientable a estrea na TVG, na noite do 25N, do documental ‘Vivas’, produción que ofrece unha ollada diferente sobre a violencia de xénero, situando no centro as mulleres superviventes e os seus procesos de transformación. A través da metodoloxía ‘Máis ca vida’, impulsada polo actor Rubén Riós, que emprega as artes escénicas e o audiovisual como ferramentas de transformación, 14 mulleres superviventes da violencia de xénero participan nun proceso creativo en que poden reconstruír e reescribir as súas propias historias. 

Semana de programación especial na G2

A G2 contará cunha programación específica ao longo de toda a semana, cunha selección de espazos de divulgación, ficción, cinema e documentais que abordarán a igualdade, o papel das mulleres na sociedade e as diferentes expresións da violencia machista. Entre os contidos destacan novas entregas do programa ‘Elas’ (de luns a venres, de 20:30 a 21.00 h), que lles dá visibilidade ás mulleres que deixan pegada dun xeito colectivo; ‘Sophias: chiscadelas de pensamento e igualdade’ (de luns a domingo despois do ‘Telexornal’), webserie de ficción realizada polo Consello da Cultura Galega que divulga e figura e o pensamento de mulleres filósofas ao longo da historia, e ‘Todas as mulleres que coñezo’ (martes pola noite), documental de Xiana do Teixeiro que propón unha reflexión sobre a violencia machista a partir das experiencias e percepcións das mulleres.

Na xornada do 25N, a G2 modificará a súa programación habitual. Un dos contidos centrais será o documental ‘Onde máis doe’, produción de Xamalú Filmes dirixida por Manane Rodríguez que aborda o caso do asasinato dun menor por parte do seu pai como expresión extrema da violencia exercida contra a súa exparella. A través deste feito, o documental reflexiona sobre a violencia vicaria, afastándose de tratamentos sensacionalistas e apostando por unha mirada de reflexión e concienciación.

A xornada completarase coa emisión pola noite de ‘Matria’, o multipremiado filme galego dirixido por Álvaro Gago. A película, protagonizada por María Vázquez, retrata a vida de Ramona, unha muller que se enfronta ás dificultades da súa contorna familiar e laboral, nun relato que permite reflexionar sobre a desigualdade e as diferentes formas de discriminación que afectan as mulleres.

AGalega.gal: un espazo específico para descubrir os contidos do 25N

A plataforma dixital AGalega.gal reforzará a difusión da programación especial, cun carrusel temático dedicado ao 25N que facilitará o acceso aos materiais e a súa consulta baixo demanda, prolongando o seu impacto máis alá da propia xornada do 25 de novembro.

A Radio Galega tamén porá o seu foco durante as vindeiras xornadas no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con entrevistas, reportaxes e seguimento nos magazines ‘Galicia por Diante’ e ‘A Tarde’ de todos os actos relacionados con esta data.

Desde a responsabilidade dos medios públicos na sensibilización social, na prevención das violencias e na difusión dunha cultura baseada na igualdade, a programación especial do 25N responde á vontade da CSAG de abordar a violencia contra as mulleres desde unha perspectiva transversal. A Corporación quere contribuír así a que o 25N sexa non só unha data de denuncia e lembranza, senón tamén unha oportunidade para informar, educar, sensibilizar e promover unha sociedade galega libre de violencia contra as mulleres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade