Máis dun milleiro de convidados arroupan a Televisión de Galicia na súa gala de 40 aniversario - CSAG
Máis dun milleiro de convidados arroupan a Televisión de Galicia na súa gala de 40 aniversario
A gala ‘Día G’, presentada por Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, foi unha homenaxe emotiva e participativa á historia do audiovisual galego
O Pazo de Congresos de Santiago acolleu este evento ao que acudiron autoridades, representantes do sector audiovisual e traballadores da canle
Emitirase o venres, día de Galicia, no prime time da TVG

Santiago, 23.07.2025.- A Televisión de Galicia celebrou este mércores catro décadas de vida cunha gala especial que reuniu máis dun milleiro de convidados no Pazo de Congresos de Santiago. O evento, presentado por Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, rendeu homenaxe á traxectoria da canle pública nun emotivo programa que se emitirá o venres 25, Día de Galicia, no prime time baixo o título ‘Día G’.
O encontro reuniu representantes institucionais, do ámbito audiovisual e traballadores e extraballadores da canle. Entre as autoridades acudiron á cita o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Tamén participaron figuras destacadas das producións informativas e de entretemento da TVG e da Radio Galega, ademais de centos de traballadores actuais e xubilados, nun recoñecemento colectivo ao labor e compromiso que fixeron posible a historia dos medios públicos galegos.
A gala ‘Día G’ ofrécese como unha homenaxe audiovisual, participativa e cargada de emoción, cun repaso á evolución da canle a través da presenza de rostros históricos e actuacións de artistas emblemáticos da cultura galega como Luz Casal, Treixadura, Tanxugueiras, Fredi Leis, Heredeiros da Crus, Ortiga, D’Ninghures, Malvela ou G Face, entre outros.
Unha programación especial para celebrar o país
A conmemoración do 40 aniversario prolongarase ao longo de varios días cunha programación especial. O xoves 24, a TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán en directo a entrega das Medallas de Galicia, que este ano distinguen os alcaldes do Porto e Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio. Esa mesma noite, o espazo ‘Mirade arriba’, presentado desde a praia de Silgar en Sanxenxo por David Espiño e Rocío Delgado, iluminará o ceo da vila cunha espectacular coreografía aérea con máis de 200 drons, acompañada dunha narración que renderá tributo ás catro décadas da TVG. A noite culminará coa conexión en directo cos tradicionais Fogos do Apóstolo desde tres escenarios emblemáticos de Compostela: a Alameda, a Cidade da Cultura e o parque de Carlomagno.
Xa o venres 25, Día de Galicia, a cobertura especial continuará coa retransmisión en directo da Ofrenda ao Apóstolo Santiago desde a Catedral, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como delegado rexio.
A cultura galega, protagonista
O aniversario da TVG será tamén unha celebración do audiovisual galego. Os días 24 e 25 emitiranse dúas longametraxes galegas: ‘Amigos ata a morte’, comedia dramática de Javier Veiga, e ‘Salta!’, unha proposta familiar de ciencia ficción protagonizada por Marta Nieto e Tamar Novas. O domingo 27, o programa ‘No Foco’ ofrecerá unha edición especial centrada nos 40 anos da TVG, mentres outros espazos como ‘Treixaromaría’ (xoves 24) e ‘Búscate nas festas’ (sábado 26) achegarán, desde a memoria e o entretemento, novas olladas sobre a historia compartida entre a canle e o seu público.