Ludogorets-Celta, este xoves na Radio Galega e AGalegaAudio.gal - CSAG
Ludogorets-Celta, este xoves na Radio Galega e AGalegaAudio.gal
A retransmisión comeza ás seis e media da tarde desde o estadio Huvepharma Arena de Bulgaria

Santiago, 26.11.2025.- A Radio Galega acompaña unha xornada máis o Celta de Vigo na súa aventura pola Europa League. Este xoves, a partir das seis e media da tarde, Roberto Carlos Carballo conduce a retransmisión do partido correspondente á quinta xornada que enfronta ao cadro galego co Ludogorets de Bulgaria. A emisión na FM e na plataforma AGalegaAudio.gal prolongarase ata as nove e media da noite para escoitar en directo, no micrófono de Víctor López, a conferencia de prensa de Claudio Giraldez e a entrevista ao xogador máis destacado.
O Celta leva unha traxectoria notable no seu regreso ás competicións continentais. Malia a derrota na primeira xornada en Alemaña fronte ao Stuttgart, nas tres seguintes sumou todos os puntos en xogo derrotando ao Paok de Salonica, ao Niza e ao Dinamo de Zagreb. Con nove puntos ocupa a cuarta praza da clasificación xeral, polo que a día de hoxe evitaría a eliminatoria de clasificación para a entrar nas roldas finais. O rival búlgaro ocupa a praza trinta e só conta con tres puntos, polo que este xoves está ante a última oportunidade para seguir con opcións matemáticas de acabar entre os vinte e catro primeiros e participar cando menos na repesca.
A terceira viaxe do Celta na Europa League coincide co mellor momento da temporada. O único resultado negativo nas últimas semanas foi a derrota en Balaídos fronte ao Barcelona, pero os puntos recuperounos no regreso tras o paro das seleccións derrotando ao Alavés en Mendizorroza. Agora, a situación no campionato da Primeira División é moi tranquila, xa que está a un só punto do sétimo clasificado.
O Ludogorets-Celta abre o xoves a semana de retransmisións na Radio Galega. O sábado, o ‘Galicia en goles’ estará no Carlos Belmonte para contar o Albacete-Deportivo da Coruña e o domingo volverá ser protagonista o equipo vigués cando reciba en Balaídos ao Español, sexto clasificado en postos europeos. Durante a fin de semana, o programa atenderá tamén ás ligas da Federación, destacando estas citas: Athlétic B-Lugo, Ourense C. F.-Unionistas, Tenerife-Arenteiro, Pontevedra-Guadalajara e Rácing de Ferrol-Mérida.