Levante-Celta e Zaragoza-Deportivo protagonizan este domingo o ‘Galicia en goles’ na Radio Galega - CSAG
Levante-Celta e Zaragoza-Deportivo protagonizan este domingo o ‘Galicia en goles’ na Radio Galega
O sábado destacan o Rácing de Ferrol-Tenerife de fútbol e o Breogán-Granada da Liga ACB de baloncesto

Santiago, 30.10.2025.- Continúa a semana deportiva na programación da Radio Galega e AGalegaAudio.gal. Despois de tres días intensos coa Copa do Rei de fútbol, o venres desde as oito e media do serán Roberto Carlos Carballo conduce o regreso á competición de liga co Lugo-Barakaldo, da Primeira RFEF, xunto ao Basquet Coruña-Fuenlabrada da Primeira FEB.
O sábado, a partir das dúas e cuarto, a sesión de tarde comezará coa cobertura ao Pontevedra-Zamora de Primeira RFEF desde o estadio municipal de Pasarón. A cita principal do día estará no estadio da Malata, onde o Rácing de Ferrol e o Tenerife xogan polo liderado do grupo primeiro. Andrés Vieites e Peli Cantoná contaranlle á audiencia todo o que suceda sobre o terreo de xogo e logo ofrecerán as declaracións dos principais protagonistas. O Rácing vén de perder en Balaídos ante o filial do Celta, mentres o conxunto canario só foi quen de sumar un punto dos últimos nove posibles. Así e todo, continúa á fronte da táboa grazas ao comezo de temporada, con seis vitorias consecutivas. Atento ao que pase en Ferrol estará o Celta Fortuna, terceiro clasificado, que visita o filial do Osasuna en Tajonar.
A Primeira feminina regresa tras o paro pola Nations League. O Deportivo visita o Éibar coa necesidade de puntuar ante un rival directo na pelexa pola permanencia na elite. Os dous están empatados a sete puntos, con só dous de diferenza respecto á zona de descenso.
A Segunda RFEF presenta un derbi para este día no estadio do Couto, co enfrontamento entre a Unión Deportiva Ourense e o líder do grupo un, o Fabril Deportivo. Na Terceira destacan o Estradense-Vilalbés e o Somozas-Noia.
Pola noite tomará o mando a Liga ACB de baloncesto co encontro Breogán-Granada que se celebra no Pazo de Lugo. É un partido directo para o cadro galego, que suma só unha vitoria en catro xornadas tras perder o pasado sábado no Palau Blau Grana ante o F. C. Barcelona. Na Malata, mentres, disputarase o Baxi Ferrol-Estepona da Liga feminina, continuando co calendario apertado do conxunto departamental tras xogar o xoves ante o Benfica na Eurocup Women.
Xa o domingo, a sesión matinal principia ás doce do mediodía co Ensino Lugo-Perfumerías Avenida de baloncesto feminino e o derbi galego de balonmán entre o Porriño e o Guardés no pavillón municipal. A partir das dúas menos cuarto, o estadio Ciutat de Valencia converterase no punto de directo coa retransmisión do Levante-Celta. Tras derrotar a Osasuna no Sadar, o conxunto que prepara Claudio Giráldez afronta con optimismo este novo desprazamento con opcións de seguir sumando de tres en tres puntos. Pola noite, a Radio Galega centrará os esforzos no estadio da Romareda coa cobertura ao Zaragoza-Deportivo, da Segunda División. A situación dos locais é agónica, pechando a clasificación con seis puntos, a cinco xa da salvación e con só un triunfo. Mentres, os homes de Hidalgo atravesan polo peor momento do curso, tras encadear cinco xornadas sen gañar e sumando só tres puntos dos quince disputados.
Entre un e outro partido dos equipos grandes galegos haberá tempo para atender á Primeira, Segunda e Terceira RFEF. Destacan Ourense-Arenas, Avilés-Arenteiro, Bergantiños-Langreo e Sarriana-Ávila.