div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Gran batalla musical e de estilos esta noite en 'Sala G', coa competición de 'Panorama contra Panorama City'

Sobre o escenario, 6 retos e 12 artistas en loita escénica, versións que poñen a pel de galiña, hits que rebentan o escenario, defensas de estilo e moito mais que música 

csag.gal 19/07/2025 00:01

Santiago, 19.7.2025.-  A guerra está servida na nova entrega de ‘Sala G’ desta noite. Esta vez, o ring máis musical da televisión galega convértese nunha auténtica batalla de estilos, xeracións e egos: Panorama contra Panorama City. A orquestra máis mítica da verbena galega enfróntase á súa versión máis nova e descarada. É a City unha filla rebelde? Unha copia moderna? Ou o principio dunha nova era?

Desde o minuto un haberá lume no escenario. CrisLo, capitá da City, chega afiada: “Non vimos pedir consello. Vimos pasarlles por riba.” Pero Lito Garrido, capitán da Panorama clásica, responde con historia e quilómetros: “Primeiro teredes que estar á nosa altura… e eu iso aínda non o vexo.”

Os espectadores serán testemuñas de 6 retos e 12 artistas en loita escénica, versións que poñen a pel de galiña, hits que rebentan o escenario, defensas de estilo que dan para tese… e moito mais que música. 

Entre os retos máis destacados: ‘Pura Esencia’, o que queda cando se apaga o fume e só queda a verdade musical; ‘Supervoces’ femininas e masculinas, como Aroxa, Kami, María Kilate, Saray, Cereijo ou Cibrán, medindo forzas en interpretacións memorables; ‘Baile Total’ con ritmo latino asinado por Karol G; Sesión estrela de DJ Rokiño, con árbitro e sancións para bailaríns en fóra de xogo, e un último asalto brutal, ‘Pechar o pase’, con Diego Moreira fronte a Roberts Polanco. Aquí ninguén se garda nada. Para o presentador de ‘Sala G’, Arturo Fernández, “este duelo é pura dinamita. Un combate épico entre a traxectoria da Panorama e a fame da City”.

Atención tamén ás intervencións da audiencia, coa presenza de Carla Núñez e Victoria Laranxa, que non deixan tema sen discutir: “A Sala G hoxe parece a ONU”, di Carla. “Pero hai estilismos que parecen que van ensinar o cu en calquera momento”, retruca Victoria.

Unha noite de festa, pulso escénico e moita retranca, onde só un equipo pode conquistar o corazón da ‘Sala G’.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade