div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG bate marcas e lidera a audiencia en Galicia co 26,9% de cota, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios

É a segunda mellor marca da historia tras o 27,1 nesta mesma onda en 2025, o que consolida a fortaleza da canle pública galega

A franxa informativa do mediodía lidera amplamente cun 42%, con picos do 54% 
   
O prime time da TVG, comandado por ‘Land Rober + Show’ e ‘Luar’, arrasa cun 20,7%

A Radio Galega medra tamén case un 20% e acada 111.000 oíntes de luns a venres

Coa suma de Radio Galega Música, as emisoras do grupo dispáranse aos 143.000 oíntes entre a semana

A Radio Galega segue a ser a emisora pública líder en Galicia, duplicando a RNE (51.000) entre semana 

O investimento de anunciantes a través do exclusivista galego en TVG aumentou un 18% con respecto ao mesmo período de 2025, e un 321% en dixital
 

csag.gal 30/06/2026 10:23

Santiago, 30.06.2026.-  Os datos do Estudo Xeral de Medios outorgan a TVG nesta segunda onda de 2026 o seu segundo mellor dato histórico, cun 26,9%, só por detrás do 27,1% acadado nesta mesma onda de 2025, o que reflicte a consistencia do liderado dos medios públicos galegos ao longo do tempo.

A TVG lidera de forma nítida na franxa da sobremesa (13:30-17:00), que engloba os informativos ‘Galicia noticias’ e ‘Telexornal mediodía’, cun 42,7%, chegando a picos do 54% durante a emisión do ‘Galicia noticias’. Á tarde lidera cun 25,9% e o prime time, a franxa máis competida e de maior consumo do día, é a máis vista de Galicia, cun 20,7%.

Televisión de Galicia supera en máis de dez puntos a Televisión Española (15,7%) no conxunto da semana e acada tamén o liderado entre as canles autonómicas.

A Radio Galega medra un 19,3%

 A Radio Galega medra de forma exponencial un 19,35% na segunda onda do Estudo Xeral de Medios e acada os 111.000 oíntes de luns a venres. Así, cos 32.000 oíntes de Radio Galega Música, a cifra da emisora pública galega dispárase ata os 143.000 oíntes entre semana, e todo isto nun contexto de perda de oíntes da radio xeneralista.

Discrepancias con Fifty5Blue

Os datos do Estudo Xeral de Medios, elaborado e avalado pola AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación), volven poñer de relevo as discrepancias cos emitidos por Fifty5Blue (antiga Kantar Media), empresa actualmente propiedade do fondo de investimento HIG Group.

Estas discrepancias aumentaron nos dous últimos anos precisamente cando, por primeira vez na historia, a TVG se viu na obriga de executar as cláusulas de penalización do contrato de Kantar Media en 20 dos 24 meses entre 2024 e 2025 por desviacións nas medicións da canle pública galega. Eses 20 meses de desviacións coinciden coa caída, segundo Kantar Media, da audiencia en 2,5 puntos. Fifty5Blue segue no foco da polémica tras múltiples protestas de diferentes operadores e tras, por exemplo, outorgar o liderado a un programa dunha canle pública estatal incluso durante os 17 minutos que estivo sen emitir por un corte eléctrico o pasado 15 de maio.

Aumento da publicidade

A fortaleza da TVG amósase tamén nos datos de publicidade. A 31 de maio de 2026 o investimento en publicidade galega na TVG medrou un 18% con respecto ao mesmo período do ano anterior. E no apartado dixital, o investimento medrou un 321% con respecto tamén do mesmo período do ano anterior. Isto sucede nun escenario de forte contracción da publicidade a nivel nacional e europeo, o que reflicte tamén a confianza dos anunciantes na capilaridade e relevancia dos medios públicos galegos. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade