div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Este mércores, baloncesto na G2 e AGalega.gal, que retransmiten o partido Sosnowiec-Baxi Ferrol

Os dous equipos lideran a clasificación do grupo K da Eurocup Women, polo que o que gañe terá practicamente asegurada a clasificación para as eliminatorias finais

csag.gal 21/10/2025 16:00

Santiago, 21.10.2025.-    Chega a terceira xornada da Eurocup Women de baloncesto. O Baxi Ferrol visita este mércores a cancha do Sosnowiec polaco no peche da primeira volta da primeira fase do campionato. Os dous equipos lideran o grupo K, con dúas vitorias, polo que o que gañe terá practicamente asegurada a clasificación para as eliminatorias finais. Patricia Rodríguez Juste e Edgar Paz contarán todo o que suceda sobre a cancha a partir das 18:00 h, nunha retransmisión que se poderá seguir a través da G2 e da plataforma AGalega.gal.

O Baxi Ferrol viaxa a esta cidade mineira de Polonia tras derrotar o pasado domingo o Araski na liga española. Non foi un partido fácil, xa que necesitou dunha prórroga para superar o rival vasco. Con este resultado, o equipo de Lino López está a só un triunfo do líder, o Xirona. Mentres, as polacas ocupan a zona media na súa competición doméstica e só gañaron un encontro, dos tres disputados ata o momento.

O Sosnowiec-Baxi Ferrol abre o mércores a semana de retransmisións deportivas na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal. O sábado, os afeccionados poderán gozar desde as 16:30 h do derbi galego da Primeira RFEF que disputan en Balaídos os dous mellores conxuntos galegos da categoría: o Celta Fortuna e o Rácing de Ferrol. Nas dúas últimas xornadas, os racinguistas foron quen de recortarlle ata cinco puntos ao líder, o Tenerife, mentres o filial olívico só sumou un punto de seis e ocupa agora a terceira posición.

O mesmo sábado, a AGalega.gal ofrecerá no sistema multifútbol dúas citas dos representantes galegos a partir das 16:30 h. No campo Arsenio Iglesias de Abegondo disputarase o partido do líder da Segunda RFEF, o Fabril, que recibe o segundo clasificado, o filial do Real Oviedo. Mentres, no Vao, haberá derbi entre o Coruxo e a Unión Deportiva Ourense.

O domingo será un día dedicado ao atletismo e ao motor. Ás 10:00 h, a G2 e AGalega.gal contarán a clásica do calendario galego que percorre as rúas de Santiago de Compostela. Na sobremesa, contra as 15:00 h, ruxirán os motores dos vehículos que disputarán o último treito do Rally de Cataluña, penúltima proba do Supercampionato de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade