Este domingo volve o ‘En xogo’ con todo o fútbol galego a través da segunda canle da TVG e da plataforma AGalega.gal - CSAG
Este domingo volve o ‘En xogo’ con todo o fútbol galego a través da segunda canle da TVG e da plataforma AGalega.gal
Na fin de semana, retransmisións de traiñeiras e motocrós

Santiago, 21.8.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) ofrece esta fin de semana, a través da segunda canle da TVG e da plataforma AGalega.gal, unha ampla programación deportiva encabezada polo regreso do programa ‘En Xogo’, as traiñeiras coa Liga ACT e o trofeo Teresa Herrera, ademais do Mundial de Motocrós MXGP e a final do torneo Unindo Camiños de fútbol feminino.
Traiñeiras coa ACT e o Teresa Herrera
O protagonismo remeiro chega coa dobre xornada de Zarautz, unha cita especialmente importante para as dúas embarcacións galegas da Eusko Label Liga masculina, na que o Club de Remo de Ares e o Chapela-Wofco, penúltimo e último respectivamente na clasificación xeral, están inmersos nunha loita directa pola permanencia. Os dous están a máis de doce puntos das escuadras que marcan a zona de salvación, polo que Zarautz supón unha nova oportunidade para achegar posicións antes de entrar no treito decisivo do calendario. Na táboa xeral manda con claridade o Orio Orialki, con 157 puntos, seguido do Zierbena Bahías de Biscaia (133) e do Bermeo-Urdaibai (121). Na categoría feminina, sen representación galega esta temporada, o Donostia Arraun Lagunak lidera con 112 puntos por 84 do Tolosaldea Arraun Kluba, tras impoñerse tamén na última regata disputada en Getaria. Os espectadores da segunda canle da TVG e de Agalega.gal poderán seguir en directo as dúas bandeiras, o sábado desde as cinco da tarde e o domingo a partir das once e cuarto.
O domingo pola tarde, desde as seis, a G2 e AGalega.gal seguen tamén o trofeo Teresa Herrera de traiñeiras, unha das probas históricas do remo galego. O pasado ano, na edición de 2025, o triunfo caeu enteiramente do lado do Chapela-Wofco, vencedor tanto na categoría masculina coma na feminina nunha xornada condicionada polo mal tempo.
Motocrós desde os Países Baixos
No plano internacional, o Mundial de Motocrós MXGP visita os Países Baixos coa vista posta na recta final do campionato. O neerlandés Jeffrey Herlings chega como líder destacado despois de gañar o GP de Suecia, mentres que o piloto vigués Rubén Fernández (Honda HRC Petronas) ocupa a quinta posición na xeral, tras pechar a proba sueca no sexto posto. A G2 e Agalega.gal emitirán en directo as dúas mangas, a partir das dúas e das cinco da tarde.
Fútbol feminino cos mellores equipos de Galicia e Portugal
A programación complétase coa final do torneo Unindo Camiños, que retransmite AGalega.gal as cinco e media da tarde do domingo. Esta fin de semana desenvólvese o cadro feminino, coa participación do Deportivo da Coruña, As Celtas, Victoria de Santiago, Friol, Bergantiños, Spórting de Braga e Famalicão, entre outros.
‘En xogo’, ao final da xornada
Ao remate da fin de semana, contra as once e cuarto da noite, Gustavo Varela pon en marcha a temporada de ‘En xogo’ xunto aos comentaristas Roberto Lago, Dani Mallo e Arbiquepitas. Á espera de que principien as ligas dependentes das RFEF, este domingo a atención estará posta no resumo do Valencia-Celta xunto ás previas do Málaga-Deportivo e o Celta Fortuna-Andorra. Ademais, os espectadores poderán ver todos os goles que se produzan durante a segunda xornada na Primeira e na Segunda divisións profesionais.