Esta noite, en 'A miña gran cidade. Corazón galego', continúa a aventura de Eva Iglesias e Bertín Osborne polo Salnés - CSAG
Esta noite, en 'A miña gran cidade. Corazón galego', continúa a aventura de Eva Iglesias e Bertín Osborne polo Salnés
Tres novas experiencias, relacionadas coa música tradicional, o cultivo dos mexillóns nas bateas e a gastronomía galega, determinarán o éxito do reto de galeguizar o cantante andaluz

Santiago, 17.11.2025.- Esta noite continúa a aventura de Bertín Osborne polo Salnés acompañado de Eva Iglesias, que segue empeñada en galeguizalo na segunda entrega de ‘A miña gran cidade. Corazón galego’ (22:45 h).
O programa arrancará coa parella conversando mentres proban a empanada de mexillóns que fixeran no capítulo anterior. A cuarta experiencia levaraos ao corazón da música tradicional da man da asociación Solleira, institución de Dorrón con décadas dinamizando o folclore das Rías Baixas. Atreverase Bertín coa pandeireta?
A seguinte experiencia terá sabor a mar. No peirao de Vilanova de Arousa, os dous protagonistas subirán ao barco de Marcos Leiro, bateeiro con máis de tres décadas de oficio. Xa no medio da ría, explicaralles o proceso de cultivo e os meses de espera. Pero sempre é mellor vivilo que contalo, así que Marcos ensinará de preto como extraen o mexillón. Tanto a rianxeira como o andaluz quedarán fascinados polo esforzo e dedicación que requiren as bateas. Ademais, probarán a bordo os mexillóns frescos cocidos, un verdadeiro privilexio.
Para rematar, chegará a fartura final: unha mariscada na Quinta de San Amaro, onde a anfitrioa e o seu convidado compartirán cigalas de Marín, vieiras de Cambados e un guiso de peixe sapo con ameixas, regado con Albariño. O andaluz desfarase en eloxios para a gastronomía galega.
A sobremesa acabará cunha pregunta no aire. Despois de seis experiencias cheas de música, mar, Albariño e humor, Eva Iglesias deberá decidir se Bertín Osborne é merecedor do título e regresa a Andalucía co seu ‘corazón galego’.