Español-Celta e Castelló-Deportivo, no 'Galicia en goles' da Radio Galega - CSAG
Español-Celta e Castelló-Deportivo, no 'Galicia en goles' da Radio Galega
O Tenerife-Breogán de baloncesto, protagonista na tarde do sábado

Santiago, 12.2.2026.- A fin de semana do Entroido chega cunha axenda deportiva completa. O venres, a partir das oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo abre a semana de ‘Galicia en goles’ analizando todo o calendario que irá desenvolvendo durante o sábado e o domingo na FM da Radio Galega e na plataforma AGalegaAudio.gal.
O sábado, o programa adianta o comezo ás dúas menos cuarto da tarde para contar desde Cornellá o partido da Primeira División entre o Español e o Celta. O equipo vigués viaxa a Barcelona co obxectivo de recuperar os puntos perdidos ante o Osasuna en Balaídos. O rival non atravesa polo mellor momento da temporada, foi goleado o luns en Vilarreal, suma catro derrotas consecutivas e así e todo continúa en postos europeos.
Durante o sábado, a Primeira Federación estará presente en tres estadios, con atención especial á visita do Rácing de Ferrol ao Rodríguez López para medirse co líder, o Tenerife. Mentres, o Pontevedra defende o terceiro posto no Príncipe Felipe ante o Cacereño e o Ourense recibe o Mérida no Couto, que volve estar en condicións tras sementar o terreo de xogo cun novo céspede. Ademais haberá cobertura á Primeira F, co enfrontamento en Riazor entre o Deportivo da Coruña e o Sevilla. As coruñesas golearon a domicilio o Madrid C. F. e viven un momento doce do curso, o que lles permitiu ter practicamente selada a permanencia na elite unha temporada máis.
O baloncesto tamén chamará á porta do ‘Galicia en goles’, coa Liga ACB no Tenerife-Breogán e a Primeira Federación no Paco Paz co Ourense-Estudiantes. Antes do paro de dúas semanas, o equipo que prepara Luis Casimiro xoga ante o sétimo clasificado, do que o separan tres vitorias. Mentres, os das Burgas afrontan un dos compromisos máis complicados do curso, recibindo o histórico cadro colexial que ocupa a cuarta praza e semella ter descartado o ascenso directo.
Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce do mediodía co seguimento á Primeira RFEF en Balaídos, onde o Celta Fortuna recibe o Avilés. Tamén haberá cobertura para Segunda RFEF na Ribela, co Sarriana-Segoviana, e no fútbol sala de Primeira desde A Malata, onde O Parrulo Ferrol retoma a competición fronte ao Santa Coloma. A partir das dúas e cuarto, o fútbol da Federación estará presente no Anxo Carro, co Lugo-Guadalaxara; no Vao, co Coruxo-Valladolid Promesas, e nas Eiroas, co Bergantiños-Raio Cantabria. O balonmán tamén marcará a axenda da xornada, co Cangas-Nava desde o pavillón do Gatañal.
A partir das oito do serán, Castalia será o punto de directo co enfrontamento na Segunda División entre dous firmes candidatos ao ascenso á Primeira División, o Castelló e o Deportivo da Coruña. O equipo local é segundo, con 45 puntos, mentres os herculinos ocupan a terceira posición con dous puntos menos. Desde unha hora antes, Javi Torres contará a previa máis completa e a emisión prolongarase ata as doce da noite para escoitar a comparecencia do adestrador Antonio Hidalgo e dos futbolistas máis destacados sobre o terreo de xogo.