Entretemento, compañía e música galega para o verán da Televisión de Galicia - CSAG
Entretemento, compañía e música galega para o verán da Televisión de Galicia
‘En compañía de Loli’ chega ás sobremesas de luns a venres ás 15:45 h
A música tradicional galega é a protagonista de ‘Palmira Lará’, que percorre Galicia para poñer en valor o patrimonio musical do país
As noites dos martes énchense de cor con reformas exprés de fogares galegos en só 48 horas con ‘Casa de cor’

Santiago, 31.5.2026.- Televisión de Galicia dá a benvida ao mes de xuño cunha renovada aposta polo entretemento e a proximidade. A grella de verán da canle incorpora desde este luns novos formatos pensados para acompañar, emocionar e sorprender a audiencia galega.
As tardes terán un novo punto de encontro con ‘En compañía de Loli’, un espazo diario que chegará ás sobremesas da TVG de luns a venres ás 15:45 horas cunha proposta próxima, cálida e chea de historias compartidas. Programa de éxito nas canles públicas de Andalucía e Castela-A Mancha, ‘En compañía de Loli’ mestura entretemento e servizo público e chega á TVG nun formato moi pegado á realidade galega e conducido por Loli Gómez e Marcial Mouzo. Eles darán especial protagonismo no estudio a persoas que viven situacións de illamento ou queren ter a posibilidade de coñecer xente nova, iniciar novas relacións e compartir as súas vivencias.
A música e a tradición serán protagonistas en ‘Palmira Lará’, un percorrido por toda Galicia para descubrir o enorme patrimonio musical do país da man das súas voces e sons e tradicións. Emitirase os luns á noite despois de ‘Land Rober + Show’. Os espectadores acompañarán a Miguel Lesta e Leticia Rei, dous profesores de baile tradicional e divulgadores da nosa cultura, na recollida e recompilación das cancións, bailes e historias, transmitidas de xeración en xeración.
E os martes á noite chega ‘Casa de cor’, un formato dinámico de decoración e organización presentado por Dani Polo. Xunto aos expertos Ana Barja e Eduardo Figueiredo, o programa afrontará en cada entrega o reto de transformar en só 48 horas dúas estancias reais de fogares galegos, con solucións creativas e cun orzamento pechado.
