div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Elx-Celta e Real Sociedade-Deportivo, o domingo pola tarde no ‘Galicia en goles’

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen durante a fin de semana unha ampla cobertura da Primeira RFEF e a Liga ACB

csag.gal 08/10/2026 17:30

Santiago, 8.10.2026.-    O ‘Galicia en goles’ do venres comeza ás oito da tarde na Coruña, onde se celebra a milla homenaxe ao histórico atleta Andrés Díaz. É unha homenaxe ao mediofondista que en 1999 conseguiu o récord de Europa dos 1.500 metros en pista cuberta. A cita, organizada polo Club Coruña Comarca, combina tres probas: a milla popular, aberta a todos os públicos; a vintage, na que Andrés Díaz correrá xunto a compañeiros da súa época como os irmáns Pedro e Juan Carlos Esteso, e a elite, coas irmás Debritu e Demeku Paniagua, campioas de España, e Pedro Osorio, recente medallista de bronce nos Campionatos de España absolutos e con 1:45 nos 800 metros.

A primeira edición da semana tamén estará atenta ao fútbol sala de Primeira División masculina con dúas citas para os equipos galegos. En Palma, o Parrulo Ferrol visita o líder e o Noia viaxa a Cartaxena.

O sábado, desde as dúas e cuarto da tarde, a atención estará posta na Liga ACB de baloncesto. O Basquet Coruña recibe o Zaragoza no Coliseum. Os dous chegan á terceira xornada cun triunfo e unha derrota. Tamén xoga na casa o Breogán, nesta volta ante o Xirona, co obxectivo de sumar a terceira vitoria consecutiva que lle permita continuar na zona privilexiada da clasificación.

Outro argumento do día será a xornada de fútbol. Balaídos reúne dous equipos igualados na zona baixa da Segunda División, o Celta Fortuna e o filial da Real Sociedade. Mentres, na Primeira RFEF, hai derbi provincial en Riazor co Fabril Deportivo-Rácing de Ferrol. No Couto, a U. D. Ourense buscará ante o Barakaldo a primeira vitoria do curso. 

O balonmán feminino completa a axenda do sábado con dúas citas galegas na categoría feminina. O Atlético Guardés, colíder con pleno de vitorias tras catro xornadas xunto ao Bera Bera, recibe o Beti Onak. O Porriño, que vén de perder en Navarra, mídese co Málaga, campión da liga na 2022-23.

O domingo, a partir das doce menos cuarto, o Multiúsos Fontes do Sar acolle o partido da ACB entre o Obradoiro e o Lleida. Será a segunda cita consecutiva ante a súa afección para o equipo da capital de Galicia tras perder a semana pasada ante o Real Madrid despois dunha prórroga. Tamén haberá cobertura á liga feminina co Ensino-Araski no Pazo de Lugo e o Celta-Zaragoza no pavillón de Navia, en Vigo.

Desde as dúas menos cuarto da tarde, a Primeira División profesional de fútbol tomará o mando con sesión continua para os dous equipos grandes da nosa comunidade. O Celta visita o Elx, que ocupa posto de descenso con 5 puntos, todos logrados fóra da casa. O equipo ilicitano aínda non gañou no Martínez Valero, onde a temporada pasada sumou 35 dos 43 puntos da permanencia. O cadro vigués, décimo cuarto con 7 puntos, chega tras vencer o Rácing de Santander en Balaídos e a poucos días de reencontrarse coa Juventus na Europa League.

En canto remate o Elx-Celta, o ‘Galicia en goles’ conectará con Anoeta, onde o Deportivo visita á Real Sociedade. Os dous equipos figuran con 10 puntos tras sete xornadas, a só un dos postos europeos: o Deportivo é 7º e a Real Sociedade, 8ª, separados unicamente pola diferenza de goles. O conxunto coruñés visita Anoeta por primeira vez desde o seu regreso á Primeira División, nun campo onde puntuou en 17 das súas últimas 26 visitas. A Real vén de gañar en Mestalla, pero acumula tres partidos sen vencer na súa casa entre Liga e Europa League.

A Primeira RFEF tamén estará presente durante a tarde. O Pontevedra, que suma 8 puntos tras seis xornadas, saltará ao céspede de Pasarón co obxectivo de mellorar a imaxe da semana pasada, na que perdeu na súa visita ao Rácing de Ferrol.                 


                  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade