div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Doce famosos poñen a proba o seu ritmo en 'Bailamos Celebrity', no prime time da TVG dos domingos

A Galega aposta por un reality show de baile para as noites dos domingos deste verán, cun xurado de luxo e público en directo

Juan Fuentes presenta este espectáculo cheo de coreografías e competición

O gañador de cada entrega semanal doará o premio á entidade benéfica que escolla
 

crtvg.gal 03/07/2025 14:01

Santiago, 3.7.2025.-  Televisión de Galicia estrea o domingo ás 22:00 horas ‘Bailamos Celebrity’, un concurso de baile que revolucionará as noites do verán cunha proposta divertida e ademais solidaria. No talent show participan doce rostros galegos moi coñecidos que competirán en parellas non só por facerse co triunfo, senón tamén por colaborar cunha causa solidaria xa que doarán os 1.000 euros do premio semanal a unha entidade social da súa elección. Os bailaríns serán Fran Cañotas, María Mera, Noelia Rodríguez, Luís Iglesia, Trisha Fernández, Eddy Ínsua, Noelia Rey, Miguel Canalejo, Roi Méndez, Sabela Silva, Miguel Mandayo e Eva Iglesias, e as súas actuacións estarán inspiradas en categorías musicais como verbena, folk, sexy, bandas sonoras de películas ou cancións icónicas.

Juan Fuentes, unha das caras máis recoñecidas da TVG e premio Mestre Mateo 2025 como Mellor Comunicador, estará á fronte do espazo que produce CTV para a canle pública.

Unha ducia de ‘celebrities’ galegas na competición

A lista de concursantes mestura caras moi coñecidas do panorama audiovisual galego. Fran Cañotas, presentador de ‘A voltas co prato’, lánzase ao reto para amosar a súa faceta máis atrevida e sensual. A súa parella na vida real, Noelia Rey, presentadora de espazos como ‘A miña gran cidade’, compite con el nesta aventura, regalando á audiencia naturalidade e espontaneidade.

Outra das estrelas do concurso é María Mera, actriz en series de éxito internacional como ‘O sabor das margaridas’, e presentadora na TVG de distintos formatos como ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ e ‘Pais en apuros’.

Non faltará o humor con figuras como Eva Iglesias, cómica e presentadora moi querida de ‘Land Rober Tunai Show’, que chega cun pasado verbeneiro e disposta a todo. Tamén estará Miguel Canalejo, actor e cómico que pasou por series tamén de éxito da TVG, como ‘Serramoura’, e que promete deixarse a pel en cada coreografía.

A música tamén está moi presente para o cantante Roi Méndez, moi coñecido pola súa participación en Operación Triunfo 2017. E Sabela Silva, a chamada ‘Madonna galega’, quere demostrar que está á altura dos mellores bailaríns do concurso.

Pola súa banda, Luís Iglesia, un dos galáns máis recoñecidos das ficcións da TVG Galega como ‘Matalobos’ e ‘Pazo de familia’, amosará o seu carisma e a súa experiencia. Noelia Rodríguez, rostro habitual dos informativos e do tempo na TVG, sae da súa zona de confort para entregarse ao ritmo con sorpresa incluída. Completan o elenco dúas figuras con tirón nas redes sociais e na rúa: Eddy Ínsua, influencer fisterrán que saltou á fama tras pasar por Gran Hermano 19 e Miguel Mandayo, estrela galega de TikTok e moi coñecido polos seus divertidos vídeos sobre a nosa terra.

Xurado de luxo e público en directo

As actuacións serán avaliadas por un xurado formado por tres grandes nomes do espectáculo: Fran Sieira, bailador e coreógrafo recoñecido, colaborador de artistas como Tanxugueiras e Mondra; Marisa Prisa, artista drag internacional con experiencia en DragRace España, e Silvana Sestelo, actriz, bailarina e coordinadora do ballet de ‘Luar’. A súa misión será valorar e asignar puntuacións do 1 ao 12 en función do seu criterio artístico. 

A decisión final, porén, non será só cousa deles: o público presente no estudio tamén votará a través dunha app móbil, e o seu favorito sumará 6 puntos extra. En caso de empate, será o voto do público o que marque a diferenza. Os puntos iranse acumulando gala tras gala e, co paso das semanas, os concursantes con menor puntuación irán quedando fóra da competición. Cada semana haberá intercambio de parellas e repartimento de temas novos. Quen chegue á final do concurso e se proclame vencedor, levará 2.000 euros adicionais para a súa causa benéfica.

Producido por CTV para a canle pública, o espectáculo visual e entretido de ‘Bailamos Celebrity’ será o plan perfecto para os domingos de verán na Televisión de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade