Desde este luns, 'Recantos. O Cásting' percorrerá Galicia na procura dos artistas que participarán a vindeira temporada no mítico concurso do 'Luar' - CSAG
Desde este luns, 'Recantos. O Cásting' percorrerá Galicia na procura dos artistas que participarán a vindeira temporada no mítico concurso do 'Luar'
Por primeira vez, os espectadores da TVG poderán ver a fase de selección dos talentos musicais da nosa terra, que serán escollidos pola cantante Pili Pampín, o produtor Cristian Yennia e o director de televisión Manu Turnes.

Santiago, 03.08.2026.- Por primeira vez na historia, os espectadores da TVG poderán ver a fase de selección dos artistas que ao longo da próxima temporada participarán en ‘Recantos’, a xa mítica sección de ‘Luar’. Desde este luns, ‘Recantos. O Cásting’ percorrerá Galicia na procura de toda esa xente que sabe cantar, que lle gusta facelo e que aspira a ser ‘recanteira’.
A cantante Pili Pampín, o produtor musical Cristian Yennia e o director de televisión Manu Turnes serán os encargados de escoller os seleccionados, nun formato nunca visto en Galicia e que percorrerá as catro provincias galegas á procura de artistas. O xurado descubrirá que detrás de moitos dos participantes hai unha homenaxe aos seus avós, unha historia de superación, un soño por cumprir e grandes doses de humor.
‘Recantos. O Cásting’ é un formato para a toda a familia, co que cantar, divertirse e descubrir que somos un país con alma de ‘recanteiros’. Cunha coidada posta en escena, o programa nace compartindo o obxectivo do concurso de ‘Luar’: descubrir os talentos musicais da terra.
O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá hoxe a primeira audición de ‘Recantos. O Cásting’ na procura dos novos recanteiros e recanteiras.
Ademais dos propios cantantes, as súas familias e seres queridos serán tamén protagonistas. Eles e elas terán un espazo propio onde estarán acompañados por Duarte Galbán, para ofrecer o seu punto de vista sobre as actuacións dos seus familiares.