A CSAG contará con 140 millóns de euros, un 3,1% máis que en 2025, para afrontar os retos da nova sociedade dixital - CSAG
A CSAG contará con 140 millóns de euros, un 3,1% máis que en 2025, para afrontar os retos da nova sociedade dixital
Mª Concepción Pombo, directora xeral da CSAG, presentou no Parlamento a previsión para o ano vindeiro, que crece en 4,3 millóns respecto de 2025
A compra de contidos e servizos exteriores ascende a 64 millóns, o 45% do orzamento
A partida de persoal ascende a 58 millóns de euros, o 41% do orzamento
A Corporación acadou na temporada 24/25 os mellores resultados dixitais da súa historia: 848 millóns de impresións e 730 millóns de visualizacións nas súas redes

Santiago, 30.10.2025.- A directora xeral da CSAG, Mª Concepción Pombo Romero, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o primeiro orzamento da recentemente creada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, correspondente a 2026 e que ascende a 140 millóns de euros (139.993.942 M). En comparanza co orzamento do exercicio actual, o de 2026 reflicte un incremento de 4,3 millóns (3,15%).
A directora xeral salientou que estas contas inciden no compromiso da Corporación “cos catro vectores da Estratexia Dixital de Galicia 2030: igualdade dixital, foco nas persoas, impulso dun ecosistema dixital forte e liderado dixital (...) O orzamento incorpora a modernización tecnolóxica e a innovación como eixe da actividade da CSAG, potencia os servizos informativos como núcleo da prestación e determina unha nova actuación focalizada na dixitalización do arquivo da CSAG, ademais de potenciar o traballo nas redes sociais como instrumento para a provisión de contidos”.
Unha das partidas orzamentarias de máis peso é a que prevé as Compras e Servizos Exteriores, que repercuten de forma directa no sector audiovisual galego e que no ano 2026 chega a 64 millóns de euros (63.646.253 M), o 45% do total do orzamento, e dá conta do compromiso da Corporación co sector. No apartado que respecta a Compras de contidos de cine, series de ficción, documentais e contidos de entretemento tanto para a canle de televisión como para as plataformas dixitais AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal, o orzamento é de 45 millóns de euros.
O apartado de persoal mantén a mesma dotación do exercicio 2024, con 58 millóns de euros, o que supón o 41,4% do total. Deste aspecto, a directora xeral indicou que “estamos ante un novo escenario que consolida o vínculo fixo da totalidade do cadro de persoal como unha actuación estrutural e en continuidade”, en alusión á consolidación de emprego do 100% do cadro de traballadores.
Cabe destacar que, dos 140 millóns orzamentados, 12,3 millóns corresponden a achegas patrimoniais, e non están destinados para investimentos ou gastos, senón que responden á provisión realizada por mor do litixio que manteñen as televisións públicas coa Facenda do Estado no caso da reclamación do IVE. Esta provisión fai que, sexa cal sexa o resultado final do conflito xudicial, a CSAG vaia ter os mecanismos financeiros adecuados para garantir a continuidade do servizo público.
A directora xeral subliñou que o orzamento 2026 “promove un contorno dixital inclusivo, transparente, aberto e centrado nas persoas; contribúe a debilitar a fenda dixital, a acadar o equilibrio de xénero e a desenvolver competencias dixitais”.
Neste senso, destacou que o proceso de modernización e dixitalización desenvolvido na Corporación está a rexistrar uns datos récord en canto a relevancia e audiencias da Corporación. “Os datos de audiencia dixital da temporada 2024-2025, que rematou o pasado mes de xuño, amosan que a Corporación acadou o maior alcance dixital da súa historia: 848 millóns de impresións e 730 millóns de visualizacións nas redes, o que supón un incremento do 121% e do 153%, respectivamente, en comparación coa tempada anterior”, destacou Pombo. “A realidade é que, analizando o ecosistema real de audiencias que hoxe se compón da televisión e da radio medidas de forma convencional, e das audiencias dixitais, o que está claro, sen ningún xénero de dúbidas, é que a Corporación está no momento de maior expansión e alcance da súa historia”.
..................................