Coa vista posta en Tui, 'Domar o vento' inicia esta semana a súa ruta pola provincia de Pontevedra - CSAG
Coa vista posta en Tui, 'Domar o vento' inicia esta semana a súa ruta pola provincia de Pontevedra
No seu traxecto, o xinete Adrián Martíns coñecerá novas historias, lugares e persoas singulares

Santiago, 18.8.2026.- Adrián Martíns, o xinete de ‘Domar o vento’ (21:55 h), inicia esta semana a súa ruta pola provincia de Pontevedra coa vista posta en Tui. Unha forte tormenta obrigarao a buscar refuxio na casa dunha vidente e, polo camiño, coma sempre, coñecerá novas historias.
Así, percorrerá San Miguel de Cabreira ata atoparse con Miguel, profesor e apaixonado das cabras Boer, que lle abrirá as portas da súa escola de natureza. Alí coñecerá un proxecto educativo en que os nenos con e sen dificultades aprenden a través do contacto directo coa contorna e a vida ao aire libre.
A continuación, o protagonista de ‘Domar o vento’ camiñará pola beira do río Miño na procura dun lugar onde almorzar, ata que chega a un sitio singular, onde lle proporán unha partida de billar para decidir se pode almorzar.
Mentres atravesa o bosque e se achega a Tui, Adrián Martíns reflexionará destacando a beleza de avanzar a cabalo e a conexión coa contorna. Xa na vila, percorrerá a zona histórica e visitará a catedral antes de chegar a un bar cun ambiente moi especial. O día rematará cunha festa que pechará a etapa cunha gran celebración.
