Chegan as expulsións a 'Bailamos': dúas batallas decisivas marcarán unha noite chea de emoción e despedidas - CSAG
Chegan as expulsións a 'Bailamos': dúas batallas decisivas marcarán unha noite chea de emoción e despedidas
Noelia enfróntase a Tomás e Paco a Loli, nunha gala en que dous concursantes abandonarán o programa, mentres que os mellores clasificados bailarán no estudio ao son de Roi Méndez

Santiago, 25.4.2026.- Tras unha semana de tensión e catro concursantes propostos, o programa ‘Bailamos’ (22:00 h) vivirá hoxe unha noite decisiva marcada polas primeiras expulsións, xa que dous deles abandonarán definitivamente a competición.
A gala xirará arredor de dous duelos directos: Noelia contra Tomás e Paco contra Loli. Só un concursante de cada parella logrará continuar na academia, elevando a emoción e a presión ao máximo nunha noite que promete momentos intensos tanto no escenario como fóra del.
Ademais, os catro mellores clasificados, Hemellyn, Mattia, Uxía e Ángel, protagonizarán unha actuación especial xunto a Roi Méndez, exconcursante de ‘Bailamos Celebrity’, que interpretará o seu tema ‘Quizá no soy para ti’ acompañado polos participantes. A súa visita non quedará aí, xa que Roi decidirá incorporarse como xurado convidado durante toda a gala, achegando unha visión máis próxima e empática do concurso.
No plano emocional, o programa recollerá as consecuencias da gala anterior, marcada polo conflito de Paulo co xurado, que amosará a súa reflexión e evolución tras pedir desculpas publicamente. A presenza do seu pai, bailarín profesional, engadirá un dos momentos máis especiais da noite. A convivencia na academia tamén deixará momentos destacados, como a dinámica grupal en que os concursantes reviven os seus vídeos de presentación ao programa e reflexionan sobre a súa evolución.
No apartado artístico, serán protagonistas os duelos, con propostas como o ‘Living la vida loca’ de Ricky Martin, artista ben coñecido de Poty, outro segredo que aflorará en ‘Bailamos’. Tamén se retomará o enfrontamento entre Noelia e Álex tratando de darlle solución, mentres que o xurado deixará valoracións salientables.
Así pois, con todo en xogo, o concurso presentado por Arturo Fernández encara unha das súas noites máis decisivas, en que cada paso pode marcar o futuro dos concursantes e o gañador ou gañadora dos 10.000 € de premio final.
