div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Chegan a AGalega.gal a serie 'O home perfecto' e a nova comedia dixital 'Bonito con bonito'

A plataforma da CRTVG renóvase tamén con novos contidos semanais de documental e cinema

csag.gal 21/10/2025 14:55

Santiago, 21.10.2025.- A semana chega cargada de novidades a AGalega.gal, coas estreas da esperada serie galega ‘O home perfecto’ e a comedia dixital ‘Bonito con bonito’, dous lanzamentos que combinan talento, humor e emoción. Ademais, a plataforma ofrecerá novas entregas de programas dixitais e máis oferta de cinema e documental para todo o público.

A plataforma dixital da CSAG incorpora o martes os dous primeiros episodios de ‘O home perfecto’, despois da súa estrea na TVG. A produción segue as historias cruzadas de Rebeca, que intenta recompoñerse tras unha relación marcada pola violencia, e Luísa, unha muller maior e illada que afronta a soidade. A aparición dun misterioso ‘home perfecto’ transformará as súas vidas e obrigaraas a repensar o amor, a liberdade e a autoestima.

A comedia ‘Bonito con bonito’, con David Perdomo

O mércores, ás 21:00 horas, estréase en AGalega.gal a nova comedia ‘Bonito con bonito’, protagonizada por David Perdomo, quen se ve forzado a presentar un programa de costura debido a un antigo contrato coa televisión. Acompáñao Carlota Merabillas, a peculiar directora dunha escola de costura coa que vivirá situacións absurdas e cheas de humor. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, celebrarase unha preestrea en Bertamiráns coa presenza dos protagonistas e de varios rostros coñecidos da TVG.

Desde o luns 20 pode gozarse dun novo episodio de ‘Terra de cómics’, que se mergulla no universo creativo da artista Bea Lema, que abre as portas do seu estudio na Coruña para amosar o seu proceso artístico, en que o bordado se converte nunha ferramenta expresiva dentro da banda deseñada. O capítulo percorre as súas influencias e a súa traxectoria no panorama do cómic galego actual.

‘Bótalle azucre’ trae á plataforma novas aprendizaxes o xoves. A influencer cubana Anita Mateu continúa coa súa divertida aventura para conseguir un título oficial de galego, nun programa fresco, entretido e cunha acollida excelente entre o público novo.

Cinema na fin de semana e novas entregas de ‘Galicia vertical’

E a fin de semana arrinca o venres con ‘Encerrada’, un intenso thriller dispoñible durante 30 días. ‘Encerrada’ conta a historia de Jessica, unha muller que intenta reconstruír a súa vida xunto aos seus fillos, ata que o pai dos nenos reaparece de forma violenta e reabre feridas do pasado.

O sábado AGalega.gal emite o filme de ciencia ficción británico ‘Brazil’, o clásico de culto de Terry Gilliam, dispoñible durante 7 días. A sátira visual sobre un mundo burocrático e controlado pola tecnoloxía continúa a ser unha das obras máis impactantes do cine contemporáneo.

A serie documental ‘Galicia vertical’, exclusiva de AGalega.gal, incorpora dous novos episodios tamén o sábado. Desde as Fragas do Eume, o escalador Adrián Álvarez afronta unha ascensión de extrema dureza na canteira da presa do Eume, explorando a conexión entre a verticalidade e o bosque atlántico. E a seguinte parada da produción é no Canón do Sil (Os Peares), onde a familia Böck protagoniza unha viaxe interxeracional pola escalada clásica, que combina natureza, tradición e o patrimonio vitivinícola da Ribeira Sacra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade