div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Celta-Raio Vallecano e Almería-Deportivo, partidos da xornada no 'Galicia en Goles' da Radio Galega

O encontro Andorra-Breogán e a Primeira Federación serán protagonistas nas retransmisións de baloncesto, que comezan xa este venres co Básquet Coruña-Palma e o Palencia-Ourense

csag.gal 15/01/2026 17:00

Santiago, 15.01.2025.-    As retransmisións deportivas da fin de semana na Radio Galega comezan o venres pola noite. A partir das 20:30 h, Roberto Carlos Carballo repartirá xogo entre os partidos da Primeira Federación: Básquet Coruña-Palma e Palencia-Ourense. Os herculinos chegan á última xornada da primeira volta con dúas vitorias de vantaxe sobre o Obradoiro, segundo clasificado, e parten como favoritos nesta cita ante o cadro balear, noveno clasificado. Mentres, o Ourense acaba de gañar o derbi ante o equipo da capital de Galicia e volve estar en condicións de optar aos postos de playoff polo ascenso.

O sábado, desde as 14:15 h, a atención estará posta no estadio dos Xogos do Mediterráneo co enfrontamento entre dous candidatos ao ascenso á Primeira División: o Almería e o Deportivo da Coruña. É tal a igualdade da categoría que os dous conxuntos están separados por tan só dous puntos en postos de promoción de ascenso. Na primeira volta, en Riazor, o resultado final foi de empate a un gol.

O fútbol da Primeira RFEF tamén estará presente, primeiro co derbi en Pasarón entre o Pontevedra e o Arenteiro. Os locais atravesan polo mellor momento da temporada e xa están na terceira praza, a só unha vitoria do segundo clasificado, o filial do Celta. Desta volta, o Fortuna visita o campo do Talavera e, na última quenda da noite, un punto de directo será o estadio Toralín coa estrea de Guillermo Fernández Romo á fronte do Rácing de Ferrol contra á Ponferradina.

O baloncesto completará a axenda de retransmisións, co Andorra-Breogán na Liga ACB de baloncesto e o Obradoiro-Alicante na Primeira FEB.

Xa o domingo, ás 12:00 h, a edición matinal recollerá o Levante Badalona-Deportivo, da Primeira Feminina, xunto ao Ourense C. F.-Osasuna B da Primeira Federación e o Numancia-Bergantiños, da Segunda RFEF. Desde as 14:15 h, a sesión de tarde despregará un amplo equipo no Celta de Vigo-Raio Vallecano, da Primeira División. Tras gañar no Sánchez Pizjuán, o equipo que prepara Claudio Giráldez igualou na sexta praza o Betis e vai directo a por unha praza na Europa League da próxima temporada. O Lugo-Unionistas, da Primeira RFEF, e a xornada na Segunda e Terceira RFEF completarán a oferta do día. 

A partir das 21:00 h, os especialistas do fútbol galego xuntaranse na mesa de debate para opinar dos resultados dos nosos equipos co reforzo do humorista Tito Rober para gozar das últimas horas do día.

#GaliciaEnXogo

Ás 23:00 h, a Radio Galega ofrecerá unha nova entrega que leva o cancelo #GaliciaEnXogo e que xira na primeira media hora arredor do mundo do motor. Rodrigo Pérez falará cos protagonistas da Gala do Automobilismo celebrada no Paco Paz de Ourense e, a continuación, contra as 23:30 h, Toni López informará da actualidade dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade