Celta-Barcelona e Deportivo-Leonesa, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega - CSAG
Celta-Barcelona e Deportivo-Leonesa, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega
A través da plataforma AGalegaAudio.gal, ofrecerase de xeito íntegro o partido da Liga ACB de baloncesto Breogán-Gran Canaria

Santiago, 07.11.2025.- Continúa a semana de retransmisións deportivas na Radio Galega e na plataforma AGalegaAudio.gal. Despois da cuarta xornada da Europa League, as competicións de liga volven ser as protagonistas. Este venres, a partir das 20:30 h, Roberto Carlos Carballo porase ao mando do ‘Galicia en Goles’ para contar a xornada polideportiva nas disciplinas de balonmán, baloncesto e fútbol sala. Así, o programa daralles cobertura aos partidos Alacant-Cangas, Gran Canaria-Ensino, La Seu-Baxi Ferrol e Santa Coloma-O Parrulo Ferrol.
O sábado, desde as 14:15 h, o estadio municipal de Riazor será o punto principal de directo coa retransmisión do partido da Segunda División profesional entre o Deportivo da Coruña e a Cultural Leonesa. Tras a vitoria en Zaragoza, o equipo de Antonio Hidalgo volveu situarse en postos de promoción e mesmo un resultado positivo esta fin de semana colocaríao preto do ascenso directo á Primeira División. Antes, a Primeira Federación estará presente co derbi galego desde o Espiñedo, entre o Arenteiro e o Rácing de Ferrol. Mentres, o Celta Fortuna recibe en Barreiro o Talavera e o Pontevedra visita Salamanca para medirse ao Unionistas.
A final da Copa RFEF desde O Couto, entre o Ourense Club de Fútbol e o Orihuela, completará a tarde futbolística. No polideportivo destaca o baloncesto da Federación, co Obradoiro-Tizona de Burgos no Sar e o Ourense-Cartaxena no Paco Paz.
Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 12:00 h co Barcelona-Deportivo da Primeira División feminina desde o estadio Johan Cruyff. Outra das citas destacadas será o derbi da Segunda Federación entre o Fabril Deportivo e o Bergantiños de Carballo no campo Arsenio Iglesias de Abegondo. Tamén haberá oco para o hóckey sobre patíns, xa que o Liceo recibe en Riazor o Reus tres días despois de comezar con vitoria a súa andaina na Liga Europea.
Ás 14:15 h seguirá a sesión de tarde ata a medianoite, con toda a atención posta no estadio municipal de Balaídos, xa que o Celta regresa da súa experiencia europea en Zagreb recibindo o F. C. Barcelona. O contundente 0-3 obtido no estadio do Dinamo confirma o excelente momento dos olívicos, que comezan a escalar postos na Liga e están xa cuartos na clasificación xeral do torneo continental.
Durante a tarde haberá seguimento do Guadalaxara-Lugo, da Primeira RFEF, e do Coruxo-Lealtad, da Segunda RFEF. No polideportivo destaca o Estudiantes-Básquet Coruña da Primeira Federación, cun man a man entre dous candidatos ao ascenso directo á Liga ACB.
Baloncesto en AGalegaAudio.gal
O sábado, a partir das 19:00 h, Pedro Pablo Alonso e Roberto Anidos levarán os afeccionados ao baloncesto toda a paixón da Liga ACB desde o Pazo dos Deportes de Lugo. O Breogán recibe o Gran Canaria, un rival co que está igualado na clasificación xeral, con dúas vitorias e tres derrotas tras o primeiro mes de competición. A emisión deste encontro chegará de xeito íntegro a través da plataforma AGalegaAudio.gal.