Betis-Celta e Ceuta-Deportivo, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega - CSAG
Betis-Celta e Ceuta-Deportivo, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega
As retransmisións comezan xa o venres, co enfrontamento entre os dous mellores clasificados do grupo primeiro da 1ª RFEF: o Tenerife e o Celta Fortuna
AGalegaAudio.gal ofrece o sábado o Bilbao-Breogán da Liga ACB

Santiago, 13.03.2026.- O fútbol continúa protagonizando a programación deportiva da Radio Galega. Tras o Celta-Olympique de Lión do xoves pola noite desde Balaídos, este venres Vigo volverá ser o principal punto de directo no ‘Galicia en Goles’ desde as 20:30 h. Desta volta, a Primeira RFEF será a competición en xogo, co enfrontamento entre os dous mellores clasificados do grupo primeiro: o Tenerife e o Celta Fortuna.
O sábado, a partir das 14:15 h, a xornada comezará con máis encontros da Primeira RFEF: Arenas-Pontevedra, Zamora-Arenteiro, Ourense C. F.-Rácing de Ferrol e Lugo-Castela. Xa pola noite, o estadio Alfonso Murube acollerá a visita do Deportivo da Coruña ao Ceuta na Segunda División. Os brancos e azuis acaban de perder fronte ao Granada en Riazor, mentres que os ceutís foron goleados nas Palmas. Así e todo, quen máis xoga neste enfrontamento é o cadro que prepara Antonio Hidalgo, para evitar quedar mesmo fóra dos postos de promoción de ascenso á Primeira División. No polideportivo destaca o Cangas-Torrelavega da liga de balonmán.
Xa o domingo, a edición matinal terá o estadio de Riazor como punto de referencia co encontro da Primeira F entre o Deportivo e o F. C. Barcelona. Ademais, haberá baloncesto da Primeira FEB coa visita do Obradoiro á cancha do Alacant, derbi galego de balonmán feminino entre o Guardés e o Porriño e un clásico de hóckey sobre patíns: Liceo-Noia.
Desde as 14:15 h, a xornada da tarde levará a audiencia da Radio Galega ao estadio de La Cartuja de Sevilla, onde coinciden o quinto e o sexto clasificados: o Real Betis e o Celta de Vigo. Esta cita cobrou máis transcendencia se cabe unha vez que o fútbol español se posiciona como favorito para ter unha praza extra na Champions League da próxima temporada. Os dous clubs coinciden en Sevilla tres días despois de pasar unha mala noite continental, xa que os andaluces perdían pola mínima en Grecia e os celestes só podían empatar ante o Olympique en Balaídos.
Baloncesto en AGalegaAudio.gal
Este sábado pola noite, desde as 21:00 h, a plataforma AGalegaAudio.gal emite de xeito íntegro o partido da Liga ACB de baloncesto entre o Bilbao e o Breogán, correspondente a xornada número 22 do campionato. Luís Casimiro tratará de mellorar a imaxe do equipo tras a contundente derrota fronte ao Barcelona o pasado domingo no Pazo, aínda que a cancha vasca non vai ser doada tendo en conta que o equipo local tamén perdeu a pasada fin de semana ante o Burgos.
#GaliciaEnXogo
O domingo, contra as 23:00 h, Rodrigo Pérez actualiza toda a información do motor no tempo do proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. O Rally do Cocido, primeira proba do Campionato Galego, será un dos argumentos do espazo, xunto ao Rally da Coruña, que foi puntuable para o campionato nacional. A partir das 23:30 h, Toni López encárgase de darlles visibilidade aos deportistas galegos que aspiran a competir dentro de dous anos nos Xogos dos Ánxeles. Esta semana pasarán polo estudio da Radio Galega o taekwondista Iván García e o xogador de tenis adaptado Martín de la Puente.