Basquet Coruña-Bilbao e Rácing de Ferrol-Pontevedra protagonizan as retransmisións da TVG e AGalega.gal durante esta fin de semana - CSAG
Basquet Coruña-Bilbao e Rácing de Ferrol-Pontevedra protagonizan as retransmisións da TVG e AGalega.gal durante esta fin de semana
A segunda canle e a plataforma dixital emiten o Celta-Gernika de baloncesto feminino e a eliminatoria europea de balonmán entre o Guardés e o Boden de Suecia

Santiago, 2.10.2026.- As retransmisións deportivas da Televisión de Galicia comezan esta fin de semana ao mediodía do sábado, coa emisión pola plataforma AGalega.gal do primeiro partido da eliminatoria europea de balonmán entre o Guardés e o Boden. A segunda cita da European League, prevista para o domingo ás doce, tamén poderá seguirse a través da G2.
Unha das citas destacadas situará as cámaras da primeira canle da TVG e da OTT no estadio da Malata o sábado, a partir das catro e media da tarde. O enfrontamento entre o Rácing de Ferrol e o Pontevedra é un clásico do fútbol galego entre dous dos cinco representantes autonómicos na categoría.
A partir das sete da tarde, a G2 e AGalega.gal ofrecerán desde o pavillón de Navia o regreso do Celta á Primeira División do baloncesto feminino. O Gernika é o primeiro rival do equipo que prepara Cristina Cantero nunha categoría elite que cada semana contará coa retransmisión en directo dun partido en que participe un dos tres representantes da nosa comunidade. A TVG tamén emitirá todas as citas do Ensino Lugo e do Uni Ferrol na Eurocup.
Basket Coruña-Bilbao e a Segunda Federación de fútbol, o domingo
A TVG e AGalega.gal estarán o domingo ao mediodía no Coliseo da Coruña para contar o Basquet Coruña-Bilbao, da Liga ACB de baloncesto. É o primeiro partido do cadro que dirixe Carlos Marco ante a súa afección, despois de iniciar o curso con derrota no Palau ante o Barcelona.
A partir da dúas e media, os seareiros do motor teñen unha cita na G2 e na canle dixital AGalega.gal coas últimas mangas da Copa das Nacións de motocross. A proba desenvólvese no circuíto francés de Ernée. España opta ao podio cun equipo de gran nivel encabezado polo piloto lucense Jorge Prado, xunto ao vigués Rubén Fernández.
Pola tarde, ás cinco, a Segunda Federación volverá estar presente no formato multifútbol. Desta volta, AGalega.gal emitirá tres partidos: Bergantiños-Coruxo, Compostela-Oviedo Vetusta e Ourense C. F.-Arousa.
Ao remate da xornada, contra as dez e media da noite, Gustavo Varela abrirá na G2 e en Agalega.gal a edición semanal de ‘En xogo’ centrada no resumo de todos os partidos dos nosos equipos nas categorías profesionais e nas ligas dependentes da RFEF. Esta fin de semana a atención principal estará posta no estadio do Molinón, onde o Celta Fortuna visita ao Spórting de Xixón. Ademais, os espectadores poderán ver os goles da Primeira, Segunda e Terceira RFEF, con atención especial ao Avilés-Lugo, Rácing-Pontevedra, Real Unión-U. D. Ourense e U. D. Logroñés-Fabril. O programa terá un segundo pase, en redifusión, contra a unha da madrugada na primeira canle da TVG.
A información, no ‘En xogo’
Durante a fin de semana, o espazo ‘En xogo’ actualiza na TVG toda a información do deporte galego, coa primeira edición ás tres da tarde e a segunda contra as nove e media da noite. Ademais, as conta de Instagram e de X xunto a web G24 recollen as noticias e as historias máis destacadas dos nosos equipos e deportistas. Ademais do fútbol, a ACB de baloncesto estará presente cos resumos do Obradoiro-Real Madrid, Basquet Coruña-Bilbao e Manresa-Breogán. Outra das disciplinas con repercusión á Liga Feminina de baloncesto con este calendario para as nosas: Celta-Gernika, Ensino-Euskotren e Uni Ferrol-Araski.