div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

As reportaxes máis completas do Celta e do Deportivo poderanse ver durante a fin de semana nos Telexornais e no 'En Xogo'

A G2 e AGalega.gal retransmiten fútbol feminino, motocrós e traíñeiras 
 

csag.gal 14/08/2025 11:30

Santiago, 14.08.2025.-  Esta fin de semana comeza a Liga de fútbol nas categorías profesionais e o equipo de Deportes da Televisión de Galicia, que dirixe Xoán Galán, está xa preparado para poñer en marcha a maquinaria da información. 

Os Telexornais especializados do Mediodía e do Serán ofrecerán o sábado e o domingo, como cada temporada, a última hora dos nosos equipos antes de saltar ao terreo de xogo e despois do xogo as reportaxes coas mellores xogadas e os goles. Na primeira xornada do campionato, o Deportivo visita o Granada en Los Cármenes na noite do sábado, e o domingo, ás cinco da tarde en Balaídos, o Celta inicia o curso no que regresa a Europa recibindo o Xetafe.

O programa ‘En Xogo’, que fai corenta anos en antena, principia este domingo ás once menos dez da noite na G2 con amplas reportaxes dos dous encontros analizados polos ex futbolistas Roberto Lago e Dani Mallo, xunto aos xornalistas Gustavo Varela e Luis Timiraos. Desde esta temporada, o programa incorpora a figura dun árbitro para analizar as xogadas polémicas do VAR. Xabier Rodríguez Campos, autor do libro “Arbi, qué pitas?”, estará cada xornada no estudio da televisión autonómica para achegar luz sobre as decisións dos colexiados, que adoitan xerar moita polémica.

Informarse a través de @EnXogo_tvG2 e G24.gal

Os afeccionados ao mundo do deporte teñen tamén información ao momento do que pasa no mundo do deporte a través da conta de X @EnXogo_tvg2 e da plataforma g24.gal. Aí atoparán a última hora, os principais resultados e as noticias máis completas coas principais imaxes dos eventos deportivos, durante as vinte e catro horas do día os sete días da semana.

Retransmisións na G2 e AGalega.gal

Unha temporada máis, a segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal estarán abertas as retransmisións de servizo público. O sábado, as cinco e cuarto da tarde, as traiñeiras abrirán o calendario da xornada coa disputa da Bandeira de Zarautz, dentro da Liga ACT, na que compiten as embarcacións galegas Ares e Cabo de Cruz. Ás nove da noite, en exclusiva por AGalega.gal e desde ás once en diferido na G2, os afeccionados ao fútbol teñen unha cita co encontro amigable de pretemporada entre os equipos femininos do Tenerife e do Deportivo da Coruña.

Xa o domingo, os afeccionados ao motocrós teñen dobre cita co Mundial MXGP no que o piloto vigués Rubén Fernández defende o cuarto posto da clasificación xeral na competición que se desenvolve desta volta en Suecia. A primeira manga chega ás dúas da tarde e a segunda ás cinco, con emisión simultánea na G2 e na OTT AGalega.gal. A partir das seis, o fútbol feminino volverá estar presente na grella coa retransmisión da final do torneo xuvenil ‘Unindo Camiños’, no que participan as mellores canteiras de Galicia e Portugal. A axenda complétase ás oito menos dez do serán, coas traiñeiras da Liga Galega que esta xornada chegaron á localidade de Cabo de Cruz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade