div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Anita Mateu, a influencer cubana que se atreve co galego, enfróntase ao reto dun título oficial en #BótalleAzucre

A influencer cubana regresa este xoves coa segunda tempada e cun novo reto: conseguir un título oficial de galego 

Un formato de éxito que xa superou os 2 millóns de reproducións e conectou con máis dun millón de persoas en redes

csag.gal 04/09/2025 14:49

Santiago, 04.09.2025.-    A Galega estrea este xoves a segunda tempada de #BótalleAzucre, unha proposta nativa dixital deseñada para neofalantes, aquelas persoas que, por nacemento ou por orixe, non teñen o galego como lingua nativa pero deciden incorporalo á súa vida. O obxectivo é acompañar, motivar e darlle visibilidade a este colectivo cada vez máis presente na sociedade galega, ofrecendo un contido entretido, participativo e de aprendizaxe en clave dixital.

A protagonista é de novo Anita Mateu, influencer cubana asentada en Galicia, que se converteu na protagonista deste proxecto grazas ao seu entusiasmo, frescura e autenticidade. Despois de demostrar na primeira tempada que era posible aprender galego desde cero, Anita enfróntase agora ao reto de acadar un título oficial de lingua galega.

Na súa primeira entrega, #BótalleAzucre superou todas as expectativas, consolidándose como unha das iniciativas dixitais de maior impacto da Televisión de Galicia na ensinanza do idioma:

    • 625.000 reproducións en YouTube
    • 1,1 millóns de reproducións en TikTok
    • Un alcance global en redes de máis dun millón de persoas

A cifra total de interaccións e visualizacións sitúase por riba dos 2 millóns, demostrando a capacidade do proxecto para espallar o galego entre públicos novos e neofalantes. O formato demostrou ademais que a aprendizaxe dunha lingua pode ser entretida, participativa e vivida en comunidade, con achegas constantes dos propios seguidores.

Nova tempada: cando e onde seguir a Anita

Os capítulos desta segunda tempada publicaranse cada xoves, en dobre cita:

    • 16:00 horas en AGalega.gal
    • 18:00 horas en YouTube

Ademais, os contidos multiplícanse en Instagram, Facebook e TikTok a través das contas oficiais de @botalleazucre, ampliando o impacto transmedia e facilitando a participación directa da audiencia.

Unha nova ponte cara ao galego

Con #BótalleAzucre, a Galega reforza o seu compromiso de servizo público e o seu papel como ponte de entrada ao galego para neofalantes, demostrando que a lingua é un espazo aberto, acolledor e accesible para todas e todos. O proxecto combina aprendizaxe, entretemento e identidade cultural, abrindo camiño para que cada vez máis persoas incorporen o galego á súa vida diaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade