Ana Peleteiro e Benjamin Compaoré protagonizan unha noite de humor e complicidade no 'Land Rober non para' - CSAG
Ana Peleteiro e Benjamin Compaoré protagonizan unha noite de humor e complicidade no 'Land Rober non para'
A atleta galega e o seu adestrador e parella comparten detalles da súa vida, nun espazo que conta tamén coa parella formada por Xurxo Carreño e Rocío Durán

Santiago, 2.7.2026.- A TVG ofrece este xoves en prime time unha nova entrega de ‘Land Rober non para’, o espazo conducido por Roberto Vilar que continúa levando ás noites da Galega unha combinación de humor, música e entretemento para todos os públicos.
Nesta ocasión, o programa recibe a visita dunha das deportistas galegas máis destacadas do panorama internacional, Ana Peleteiro. A campioa de triplo salto acudirá acompañada pola súa parella e adestrador, o tamén atleta Benjamin Compaoré, para falar da etapa que ambos comparten actualmente en Ribeira e dos novos proxectos persoais e profesionais que afrontan xuntos.
A complicidade da parella trasladarase tamén á ficción nun divertido sketch en que participarán xunto ao equipo do programa. Os dous formarán parte dunha peculiar cea en que non faltarán nin as risas nin o lumbrigante.
O espazo contará, ademais, coa presenza doutra parella moi coñecida para a audiencia galega, o creador de contido Xurxo Carreño e a presentadora de ‘Hora galega’, Rocío Durán. Ambos demostrarán o seu sentido do humor e a súa capacidade para afrontar un reto co público, amais de protagonizar unha singular voda.