Ampla despregadura da Radio Galega no Celta-Real Madrid do venres en Balaídos - CSAG
Ampla despregadura da Radio Galega no Celta-Real Madrid do venres en Balaídos
O domingo pola noite, Deportivo-Granada desde Riazor

Santiago, 5.3.2026.- As retransmisións deportivas da Radio Galega comezan o venres pola noite desde o estadio de Balaídos. A partir das oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo pon en marcha unha ampla despregadura para contar o partido que abre a xornada da Primeira División entre o Celta e o Real Madrid. A cita chega no mellor momento da temporada para o equipo que prepara Claudio Giráldez, sexto clasificado na competición española e entre os dezaseis mellores da Europa League. O rival, mentres, chega nunha situación crítica tras a derrota do pasado luns ante o Xetafe e ateigado de lesións e sancións.
Víctor López encargarase da narración dos noventa minutos de xogo, co apoio dos adestradores Moncho Carnero e Xosé Valtierra nos comentarios técnicos. Fernando Romero de Paz moverase co micrófono sen fíos nos exteriores e Uxío Caamaño, 'Mr Asubío', analizará todas as xogadas polémicas.
A primeira edición da semana de ‘Galicia en goles’ tamén estará pendente do baloncesto feminino, cos partidos Baxi Ferrol-Avenida de Salamanca e Jairis-Ensino Lugo. A primeira xornada do Rally do Cocido completa a axenda do venres.
O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, o protagonismo será para o fútbol da Primeira Federación. Destaca a visita do Club Deportivo Lugo, cuarto clasificado, ao líder, o Tenerife. Outro dos partidos sobranceiros é o Arenteiro, que estrea adestrador, ante o filial do Real Madrid, o Castela. Na Segunda RFEF, o Fabril Deportivo recibe no Arsenio Iglesias o Rayo Cantabria. No polideportivo haberá cobertura á Copa de España de ciclismo en estrada desde Padrón e ao desenlace da última xornada do Rally do Cocido.
O domingo, a edición matinal principia ás doce do mediodía co baloncesto como protagonista, xa que volven as competicións da ACB e da Federación tras o descanso pola Copa do Rei e polos compromisos de seleccións. O Breogán recibe no Pazo de Lugo o Barcelona sen presión na táboa, xa que está na zona intermedia e sen perigo de caer aos postos próximos ao descenso. Na Primeira FEB, o Basquet Coruña recibe o Alacant no Coliseum e o Obradoiro xoga no Fernando Martín ante o Fuenlabrada. O atletismo tamén terá oco no espazo coa celebración en Ourense da sétima carreira da muller, que coincide co 8M. Haberá unha proba de mil metros con carácter inclusivo e a continuación celebrarase a carreira de cinco quilómetros.
A sesión de tarde principiará contra as dúas e media para seguir as ligas da Federación, nas que destacan catro encontros da Primeira RFEF: Pontevedra-Unionistas, Guadalajara-Celta Fortuna, Barakaldo-Ourense C. F. e Rácing de Ferrol-Cacereño. Na Segunda RFEF, o Coruxo recibe o Langreo no Vao e a Unión Deportiva Ourense enfróntase no Couto ao líder, o filial do Real Oviedo.
A partir das oito do serán, o estadio de Riazor converterase no principal punto de directo para a retransmisión do partido da Segunda División entre o Deportivo e o Granada. Tras a vitoria en Zubieta, os herculinos igualaron na praza de ascenso directo co Castelló e co Almería e nesta xornada volven ser favoritos ante un rival que perdeu os dous últimos encontros e está a tan só dous puntos do descenso de categoría. A emisión prolongarase ata as doce da noite para recoller as roldas de prensa dos adestradores e as principais entrevistas na zona mixta.