Aitana ultima os preparativos da súa voda en 'Orgullo de familia', mentres outro grupo leva a súa arte a 'Luar' - CSAG
Aitana ultima os preparativos da súa voda en 'Orgullo de familia', mentres outro grupo leva a súa arte a 'Luar'
As Jiménez Jiménez gozan dunha xornada de relax antes do enlace; os Ventos Romero reviven a súa voda nunha sesión fotográfica e os Jiménez Hernández cumpren o soño de coñecer a Gayoso

Santiago, 16.9.2026.- Televisión de Galicia ofrece este mércores unha nova entrega de 'Orgullo de familia' (22:50 h), o docu-reality que acompaña tres familias xitanas galegas no seu día a día para mostrar, desde a proximidade e o respecto, as súas tradicións e vivencias máis especiais.
Nesta segunda emisión, as Jiménez Jiménez vivirán unha xornada pensada para elas. Antes da gran voda de Aitana, a familia fará unha escapada a un spa para relaxarse e compartir un tempo de desconexión.
Mentres, Mikel Romero e Aroa Ventos, dos Ventos Romero, volverán poñerse diante da cámara para protagonizar a súa sesión de fotos de posvoda. A parella reencontrarase co fotógrafo que os acompañou no día do enlace para inmortalizar esta nova etapa da súa historia xuntos.
A terceira familia protagonista, os Jiménez Hernández, perseguirán un obxectivo moi especial. Aproveitando que Loli estivo cubrindo unha baixa en San Marcos, a familia intentará achegarse ao estudio de 'Luar' para coñecer a Xosé Ramón Gayoso, un dos rostros máis queridos da televisión galega.
Tres familias e unha mesma maneira de entender a vida protagonizan esta nova entrega de 'Orgullo de familia', unha serie que convida os espectadores a descubrir a realidade cotiá de familias xitanas galegas, onde a situación máis cotiá pode acabar converténdose en toda unha aventura.