div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Cristina Castaño protagoniza ‘Lume’, a nova serie de ficción da TVG

A actriz galega lidera o elenco da produción, que conta co actor portugués Albano Jerónimo e os galegos Alfonso Agra, Xúlio Abonjo e Isabel Naveira
---
Esta coprodución galego-portuguesa é un thriller xornalístico con fondo social e ecolóxico, e chegará o 20 de xuño á TVG
---
A serie preséntase este venres dentro da primeira edición do Festival Internacional de Series Ría de Vigo
---

 

crtvg.gal 28/05/2025 13:12

Santiago, 28.05.2025.-   Televisión de Galicia presenta en primicia ‘Lume’, a súa nova serie de ficción, este venres 30 de maio ás 21:00 h no Festival Internacional de Series Ría de Vigo nun evento ao que asistirán os seus protagonistas, Cristina Castaño, Isabel Naveira ou Xúlio Abonjo, e a súa directora, Giselle Llanio. O acto estará presentado polo reporteiro da TVG Óscar Cruz e contará con caras coñecidas da canle, actores, presentadores e profesionais do sector audiovisual.

    ‘Lume’, un thriller xornalístico con fondo social e ecolóxico composto por seis capítulos, chegará o vindeiro 20 de xuño  á TVG. Trátase dunha coprodución galego-portuguesa con TVG e a  RTP na parte pública, e co apoio do AGADIC, e de Setemedia e da produtora lusa Coral Vision Europa, na parte privada.

    ‘Lume’ está rodada en galego e portugués e narra a historia de Lucía (Cristina Castaño), unha xornalista galega asentada en Lisboa que regresa á súa localidade natal tras un devastador incendio forestal. Convencida de que o lume non foi accidental, inicia unha investigación que revelará unha rede de intereses económicos e políticos vinculados aos incendios, que porán en risco a súa vida. O actor portugués Albano Jerónimo acompaña a Castaño no elenco, xunto a intérpretes galegos como Alfonso Agra, Xúlio Abonjo e Isabel Naveira.

    A serie, que combina drama, suspense e unha potente mensaxe ambiental, destaca pola súa narrativa intensa e pola beleza dos escenarios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que funcionan como un personaxe máis da historia. A dirección está a cargo de Giselle Llanio e a música é obra da compositora galega Carme Rodríguez.

    Con esta aposta pola coprodución internacional e a ficción de calidade, a TVG reafirma o seu compromiso co audiovisual galego e con historias con vocación global. O Festival Internacional de Series Ría de Vigo, na súa primeira edición, aspira a converterse nun escaparate clave para as series, un terreo no que a TVG ten un gran peso específico tras máis de 30 anos facendo series de ficción en galego.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade