A TVG estrea este sábado ‘Cos pés no mar’, un programa sobre as persoas que fan do mar o seu modo de vida - CSAG
A TVG estrea este sábado ‘Cos pés no mar’, un programa sobre as persoas que fan do mar o seu modo de vida
Nesta entrega, acompaña na Coruña o patrón da Salvamar Betelgeuse, coñece en Viveiro o dono dunha escola de surf e navega pola ría de Muros e Noia cunha mariscadora e creadora de contidos e o seu pai

Santiago, 18.9.2026.- Televisión de Galicia estrea este sábado ao mediodía 'Cos pés no mar' (12:45 h), un novo programa que dará a coñecer persoas que fan cada día unha aposta vital polo mar. Son persoas que decidiron que o medio mariño ía ser o presente e o futuro deles e mais das súas familias, que imaxinan novas actividades, que abren novas rutas, que renovan e actualizan labores tradicionais, que viven en, de, por, desde, con e para o mar.
O espazo viaxará nesta entrega ata A Coruña para acompañar a Pablo Varela, o patrón da lancha de salvamento marítimo Salvamar Betelgeuse, nunha serie de exercicios que salvan vidas. Para aqueles que algunha vez quixeron aprender a facer surf asistirase en Viveiro ás clases de Uxío Rodríguez, un surfeiro de corazón que arrincou a súa propia escola para gozar coas ondas do mar.
A terceira e última cita de hoxe será con Mercedes Silva, mariscadora e influente de Noia. Con ela e seu pai Quico, o equipo de ‘Cos pés no mar’ sairá de pesca recreativa ao medio e medio da ría de Muros e Noia. Con eles a diversión está asegurada.
