A TVG estrea esta noite 'A grande escolla' con 'El Cordobés' como primeiro convidado e un reto de altura - CSAG
A TVG estrea esta noite 'A grande escolla' con 'El Cordobés' como primeiro convidado e un reto de altura
O toureiro buscará en Galicia o tractor perfecto, neste novo formato que combina entretemento, concurso e divulgación para poñer en valor a excelencia galega

Santiago, 31.3.2026.- A TVG estrea esta noite ‘A grande escolla’ (23:05 horas), un novo formato que mestura entretemento, concurso e divulgación arredor dun elemento moi noso: a calidade galega. En cada entrega, unha celebridade de fóra chega a Galicia na procura dun produto co noso selo, e será a presentadora e persoal shopper Noelia Rey quen lle propoña tres opcións entre as que só poderá escoller unha.
Caras moi coñecidas pola audiencia galega, como Carmen Lomana, María José Campanario, Patxi Salinas, Rosa Benito, Fonsi Nieto, Bibi Fernández e Mariló Montero, entre outros, recalarán en Galicia as próximas semanas para participar en ‘A grande escolla’. Nesta primeira cita, o protagonista é o toureiro Manuel Díaz ‘El Cordobés’, que aterra no noso país co obxectivo claro de atopar o tractor perfecto para traballar a súa terra. “Os mellores tractores do mundo están en Galicia”, asegura nada máis chegar, e non lle falta razón. Aínda que estas máquinas chegaron ao país nos anos 60, hoxe Galicia é un referente en agro tecnificado.
A escolla arrinca na Casa con Encanto O Refuxio, en Vila de Cruces, onde o convidado atopa tres propostas que representan o máis avanzado da enxeñaría agrícola actual. “Non son tractores, son avións”, exclama sorprendido ante o nivel das máquinas.
Desde Lalín chega o empresario Maximino Míguez con ‘Titán’, un Fendt 942 de 420 cabalos, que destaca pola súa potencia, precisión e tecnoloxía dixital, cun prezo que acada os 380.000 euros. Pola súa banda, desde Silleda, Juanjo Pombo presenta o ‘Optimus’, un New Holland T7 315 HD que aposta pola eficiencia e o equilibrio entre rendemento e custo, arredor dos 290.000 euros. A terceira opción, chegada de Santiago con Martín Carballeira, é o ‘Fórmula 1’, un John Deere 8R de ata 445 cabalos, cargado de innovacións e comodidades, cun valor que supera os 400.000 euros.
Coas tres alternativas sobre a mesa, ‘El Cordobés’ terá que decidirse tras velas en acción e probar o seu rendemento no campo, nunha xornada que mestura competición, tecnoloxía e tamén momentos de lecer arredor da gastronomía e da música galega.
