A TVG celebra o Día das Letras coa película galega '+Cuñados', un 'Zigzag' especial dedicado a Begoña Caamaño e a estrea do documental 'Reescribir para resistir' - CSAG
A TVG celebra o Día das Letras coa película galega '+Cuñados', un 'Zigzag' especial dedicado a Begoña Caamaño e a estrea do documental 'Reescribir para resistir'
Na G2, os espectadores poderán ver a miniserie ‘Morgana en Esmelle’, adaptación da obra da autora homenaxeada, e o ‘Concerto das Letras Galegas’, nesta edición coa cantante Uxía como protagonista
Os informativos ofrecerán toda a actualidade arredor desta celebración cultural e da lingua, cun amplo seguimento dos actos conmemorativos deste 17 de maio, que se poderán ver en directo na plataforma AGalega.gal

Santiago, 17.05.2026.- A Televisión de Galicia ofrece este domingo unha programación especial co gallo do Día das Letras Galegas, que hoxe se celebra e que lle rende homenaxe á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, que desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional nos medios públicos galegos.
Pola mañá estrearase o documental ‘Reescribir para resistir’, que conxuga educación, creación escénica e pensamento feminista e que ofrece unha ollada dos máis novos sobre a obra de Begoña Caamaño e a súa vixencia. Esta proposta audiovisual acompaña un grupo de rapaces nun obradoiro escénico en que crean un texto colectivo inspirado na obra e na ollada feminista da autora. A proposta recolle o legado de quen fixo da reescritura unha forma de xustiza narrativa para dar voz a quen quedara fóra da historia.
Na sobremesa, despois do ‘Telexornal Mediodía Fin de Semana’, os espectadores poderán ver unha edición especial do programa cultural ‘Zigzag’ dedicada a Begoña Caamaño, en que participarán escritores, familiares, amigas, académicas e estudosas da súa figura. Todo isto permitirá reconstruír a vida e a obra da autora, percorrendo ademais os seus lugares vitais. O programa contará cunha entrevista central, nos estudios da TVG, á irmá da homenaxeada, Beatriz Caamaño, e cunha despedida especial desde a Radio Galega, onde comezou a traballar en 1989.
Xa pola noite, os medios públicos celebrarán o Día das Letras con cinema galego, coa aclamada ‘+Cuñados’, película que lle dá continuidade á exitosa comedia ‘Cuñados’, a maior estrea na historia do cinema en galego. Esta secuela, dirixida por Luís Avilés e ambientada no Entroido ourensán, ten de novo a Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez nos papeis protagonistas. A acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película e arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui.
Esta oferta especial non se cingue á primeira canle, xa que a G2 estreará esta tarde a miniserie dramática ‘Morgana en Esmelle’, adaptación audiovisual da obra de Begoña Caamaño dirixida por Irene Pin. A ficción revisita o mito artúrico desde unha perspectiva íntima e contemporánea: Morgana chega á terra de Miranda para visitar a Merlín no seu retiro galego e, a través dese encontro, emerxen as razóns da caída de Camelot e da súa propia condena.
A través da segunda canle emitirase tamén, na noite deste domingo, o ‘Concerto das Letras Galegas’ organizado en Vigo, lugar de nacemento da homenaxeada, polo Consello da Cultura Galega, nesta edición coa cantante Uxía como protagonista. Trátase dun formato único e irrepetible, con intérpretes de luxo, apoio audiovisual e colaboracións interxeracionais moi especiais, que levarán á Cidade Olívica a luz, emoción, beleza e irreverencia que deixou Begoña Caamaño.
Ademais, os informativos da TVG entregaranse este 17 de maio á celebración da gran festa da cultura e da lingua, cun seguimento informativo dos eventos conmemorativos organizados pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. Estes actos institucionais poderán seguirse en directo a través da plataforma AGalega.gal, que hoxe reforzará a súa cobertura especial das Letras Galegas 2026.
A primeira das retransmisións será o acto institucional da Xunta de Galicia, que terá lugar ás 11.00 h no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Ao mediodía, ás 12.00 h, a plataforma ofrecerá tamén en directo o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega, que se celebra no Teatro Principal da capital galega. O acto central da gran festa da cultura galega contará coas intervencións académicas de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes, ademais da actuación musical en directo de Sofía Espiñeira.
