A serie de animación da BBC 'Scream Street' chega esta fin de semana á G2 e a Xabarin.gal - CSAG
A serie de animación da BBC 'Scream Street' chega esta fin de semana á G2 e a Xabarin.gal
AGalega.gal estrea este venres ‘A illa dos violíns’, documental sobre o encontro musical ‘Encordass’ de músicos de Galicia e Escocia na illa de San Simón
Tanto a G2 como a plataforma AGalega.gal propoñen cinema galego, documentais e outros contidos arredor da festa do Samaín

Santiago, 30.10.2026.- A G2 e Xabarin.gal estrean esta fin de semana a serie de animación da canle infantil da BBC ‘Scream Street’, cuxos primeiros 20 capítulos quedan dispoñibles xa este venres 30 de outubro na plataforma dixital, mentres que o domingo (14:15 h) poderá verse na G2, onde seguirá a emitirse as seguintes fins de semana. ‘Scream Street’ é unha comedia de terror producida en stop motion e protagonizada por Luke Watson, un adolescente lobishome que vive coa súa familia nunha rúa habitada por todo tipo de monstros. Luke enfróntase, xunto cos seus amigos Resus, un vampiro, e Cleo, unha momia, a criaturas sobrenaturais, resolverá misterios e evitará que a maxia provoque o caos. A serie combina combina aventuras, humor e elementos fantásticos e está baseada nos libros homónimos do autor Tommy Donbavand.
Xabarin.gal ofrece ademais desde hoxe contidos especiais relacionados co Samaín, con pezas especiais de series como ‘Os Bolechas’, ‘Bibopalula’, ‘Ladybug’ e ‘Pipo’.
Música galega e escocesa, en AGalega.gal
En AGalega.gal estréase este venres o documental ‘A illa dos violíns’, que acompaña o encontro musical ‘Encordass’ na illa de San Simón da ría de Vigo. Nel, músicos de Galicia, Escocia e outros lugares do mundo reúnense arredor da música tradicional nunha experiencia de aprendizaxe, convivencia e transmisión cultural. Nesta edición, dedicada a Escocia, o documental explora os vínculos entre dúas culturas atlánticas a través do violín, a gaita, o baile e as cancións. Entre aulas, ensaios, concertos e conversas, a película retrata a illa como un espazo de encontro e memoria, e pon o foco na continuidade dunha tradición que une diferentes xeracións de músicos.
E unha semana máis, AGalega.gal continúa ampliando a súa oferta con máis entregas de ‘Amor con interese’, ‘BenLidos’ e ‘Sexo con senso’, propostas que combinan entretemento e divulgación. A oferta cinematográfica tamén incorpora tres novas películas de ficción: ‘Alibi.com’ (xoves 29), ‘A encrucillada’ (venres 30) e ‘Véxote’ (sábado 31). Ademais, o catálogo de cinema galego amplíase con ‘Os mortos van á presa’ e ‘Lobos de Arga’, dúas películas que exploran, desde perspectivas diferentes, o humor, o misterio e as lendas populares. Ao longo da semana tamén se incorporarán outros programas e pezas relacionadas co Samaín e co imaxinario do misterio.
Propostas arredor do Samaín, tamén na G2
A G2 estrea este domingo 1 de novembro contidos especiais arredor do Samaín que inclúen cinema galego, historias de medo, documentais e contidos para todos os públicos. Así, a canle programará o domingo espazos como ‘Soño contigo: lugares de medo’, a película ‘Os mortos van á présa’ e o especial ‘Quero morrer en Galicia’.