A Radio Galega viaxa o domingo a Xirona e a San Sebastián para retransmitir os partidos do Celta e do Deportivo - CSAG
A Radio Galega viaxa o domingo a Xirona e a San Sebastián para retransmitir os partidos do Celta e do Deportivo
O sábado, protagonismo para a xornada da Primeira RFEF

Santiago, 27.2.2026.- A edición do venres de 'Galicia en goles' comeza ás oito e media do serán, da man de Roberto Carlos Carballo e co estadio Anxo Carro como principal punto de directo para contar aos seareiros toda a información do Lugo-Bilbao Athlétic, da Primeira RFEF. O fútbol sala estará presente desde o pavillón Agustín Mourís, onde se disputa o Noia-El Pozo Murcia da Primeira División de fútbol sala. A celebración dos 25 anos da Vigo-Baiona de atletismo situará a audiencia no teatro do Auditorio Abanca, onde o equipo deportivo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia recibirá unha distinción pola colaboración informativa durante este cuarto de século. A primeira xornada do Rally da Coruña completa a axenda de conexións.
O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, a Primeira RFEF será a protagonista coa cobertura aos partidos Talavera-Rácing de Ferrol, Celta Fortuna-Mérida, Osasuna B-Pontevedra e Ourense C. F.-Arenteiro. A Terceira aproveita a xornada de descanso para actualizar o calendario, coa celebración do Xuventude de Cambados-Compostela no campo de Burgáns e que fora suspendido no seu día polo temporal. No polideportivo destaca o Ensino-Gran Canaria de baloncesto feminino, programado no Pazo de Lugo, xunto á segunda xornada do Rally da Coruña e o Parrulo Ferrol-Santa Coloma de fútbol sala desde o pavillón da Malata.
Xa o domingo, a xornada matinal comeza ás doce do mediodía cos protagonistas do medio maratón da Coruña e da primeira proba da temporada na BTT que se vai desenvolver en Bertamiráns. A partir das dúas, o campo de Zubieta centrará a sobremesa coa visita do Deportivo ao filial da Real Sociedade. Os donostiarras atravesan por un excelente momento, tras sumar tres vitorias consecutivas que lle permiten acomodarse fóra dos postos de descenso. Para os coruñeses é necesario lograr os tres puntos co obxectivo de achegarse aos tres primeiros clasificados, que desta volta xogarán o venres e o sábado.
Durante a tarde, a Segunda RFEF ofrecerá os derbis Sarriana-U. D. Ourense, no campo da Ribela, e Bergantiños-Fabril, nas Eiroas. Pola noite, o estadio Montilivi acollerá a visita do Celta ao Xirona na Primeira División. Os celestes defenden a sexta praza da clasificación ante un rival que hai dúas semanas derrotaba o Barça e que o pasado luns deixou escapar o triunfo en Vitoria nos minutos finais. Así e todo, o conxunto catalán está acomodado na zona intermedia da táboa, con seis puntos de colchón sobre o Mallorca, o primeiro equipo implicado nos postos de descenso directo á Segunda División. A melloría coincidiu coa incorporación no mercado de inverno do excéltico Fran Beltrán.
A emisión do Xirona-Celta prolongarase ata as doce da noite, para ofrecer as conferencias de prensa dos adestradores Claudio e Míchel xunto ás entrevistas aos futbolistas máis destacados e a mesa de debate con Moncho Carnero, Xosé Ramón Valtierra e Mr Asubío.