div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega viaxa co Celta a Friburgo nos cuartos de final da Europa League

Este xoves, edición especial de ‘Galicia en goles' desde as oito da tarde

csag.gal 07/04/2026 17:30

Santiago, 7.4.2026.-  A Radio Galega e a plataforma AGalegaAudio.gal retransmitirán este xoves o primeiro partido dos cuartos de final da Europa League. O Celta de Vigo inicia a eliminatoria ante o Friburgo como visitante, no Europa Park Stadion, deixando o desenlace para o día dezaseis en Balaídos. Roberto Carlos Carballo dirixe a edición especial de ‘Galicia en goles’, que estará en antena desde as oito da tarde e ata as doce da noite. Víctor López narrará este histórico partido, acompañado nos comentarios polos especialistas Ramón Carnero, Xosé Ramón Valtierra e Mr Asubío.

O Celta chega aos cuartos de final da segunda competición continental tras eliminar ao campión da liga regular, o Olympique de Lión, ao que mesmo foi quen de superar no partido de volta xogado en Francia. Por este motivo, o premio para os xogadores de Claudio é ter a opción de disputar o segundo encontro actuando como locais.

A vitoria do pasado domingo en Mestalla por 2-3 ante o Valencia confirma a espectacular temporada dos olívicos, que a falta de oito xornadas mantén todas as opcións de entrar entre os cinco primeiros e disputar a Champions a próxima temporada. Mentres, o rival alemán deste xoves sufriu unha derrota ante o Bayern de Múnic por 2-3, despois de ir gañando 2-0 ata o minuto 80 e encaixar os dous últimos goles no tempo de prolongación.

O Friburgo-Celta é a primeira retransmisión dunha axenda que estará ateigada de eventos na fin de semana. O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, o fútbol da Primeira RFEF será o argumento de partida co derbi no Couto entre o Ourense C. F. e o Lugo. Logo chegará unha tarde intensa de baloncesto, co Breogán-Andorra da Liga ACB desde o Pazo de Lugo e o decisivo Basquet Coruña-Obradoiro no Coliseum, de onde pode saír o campión da Primeira FEB con praza directa para a máxima categoría. Tamén a competición feminina estará presente desde A Malata, co Baxi Ferrol-Zaragoza. O fútbol volverá no último treito, ás nove da noite, co encontro da Primeira RFEF entre dous candidatos a disputar a fase de ascenso á Segunda División, o Rácing de Ferrol e o Real Madrid Castela.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce con Riazor como punto de directo para narrar o derbi rexional da Segunda RFEF entre o Fabril Deportivo e a Unión Deportiva Ourense. A falta de catro xornadas para o remate da competición regular, o filial é líder con nove puntos de vantaxe sobre o Oviedo Vetusta polo que de gañar nesta cita lograría o ascenso virtual, que podería converterse en definitivo si os asturianos no suman a vitoria pola tarde. A outra cita destacada da matinal levará á audiencia ata o Pazo de Lugo, escenario do Ensino Lugo-Xirona na Primeira feminina de baloncesto.

A partir das dúas e cuarto, a tarde trae unha sesión continua cos grandes do noso fútbol. O Deportivo é o primeiro en saltar ao céspede para enfrontarse ao Huesca no estadio Alcoraz. Logo chegará o Celta-Oviedo desde Balaídos, na Primeira División. O ‘Galicia en goles’ tamén atenderá a Primeira e a Segunda RFEF con este calendario: Arenas-Celta Fortuna, Barakaldo-Arenteiro, Pontevedra-Ponferradina e Bergantiños-Sarriana.

#GaliciaEnXogo

Ao remate da xornada deportiva, contra as once da noite, a Radio Galega emite novas entregas do proxecto #GaliciaEnXogo. A primeira media hora, os contidos estarán centrados no mundo do motor, da man de Rodrigo Pérez, que debullará a participación do vigués Rubén Fernández no Gran Premio de Sardinia, en Italia, no Mundial MXGP de motocrós. A partir das once e media, Toni López da voz aos deportistas máis novos de Galicia que teñen como obxectivo entrar na lista definitiva de olímpicos para os Xogos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade