div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega viaxa ao CERN da man de ‘Efervesciencia’ para descubrir os segredos do universo

O programa de divulgación científica emite este domingo 29 de novembro un especial desde Xenebra, coa participación de investigadores galegos que traballan no maior laboratorio de física de partículas do mundo

Con motivo do seu 20 aniversario, o espazo sorteará entre os seus oíntes unha viaxe para dúas persoas que inclúe unha visita ao CERN

Na foto, Fernando Vareal, Iago Seara, Eva Dafonte e Manuel Vicente.jpg Na foto, Fernando Vareal, Iago Seara, Eva Dafonte e Manuel Vicente.jpg
csag.gal 26/11/2026 14:52

Santiago, 26.11.2026.–   Que sabemos da orixe do universo? Como funciona o maior acelerador de partículas do mundo? Que papel desempeña a ciencia galega nun dos proxectos científicos máis ambiciosos da humanidade? A Radio Galega dará resposta a estas preguntas este domingo 29 de novembro cunha edición especial de ‘Efervesciencia’ realizada desde as instalacións do CERN, o Laboratorio Europeo de Física de Partículas, en Xenebra.

Da man de Manuel Vicente, a audiencia da Radio Galega terá a oportunidade de adentrarse nunha das infraestruturas científicas máis importantes do planeta, coñecer o traballo dos profesionais galegos que forman parte dela e descender a máis de cen metros baixo terra para descubrir un dos catro grandes detectores do Gran Colisor de Hadróns (LHC).

Instalado nun túnel de 27 quilómetros de circunferencia, o LHC fai chocar protóns a moi alta enerxía para explorar a materia a escalas diminutas. É o maior ‘microscopio’ do mundo e, ao mesmo tempo, unha ‘máquina do tempo’ que permite estudar as condicións dos primeiros instantes do universo tras o Big Bang.

O talento galego na vangarda da ciencia mundial

O especial de ‘Efervesciencia’ (10:00 h) pon o foco no talento galego presente no CERN a través dos testemuños de físicos, enxeñeiros e informáticos que contribúen desde distintas disciplinas aos avances da investigación científica internacional.

Entre os protagonistas deste monográfico están a compostelá Mar Capeáns, directora de Operacións de Campus do CERN; Eva Dafonte, enxeñeira informática que dirixe o grupo de Bases de Datos e Analítica; e Fernando Varela, físico que traballa na aplicación da intelixencia artificial ao acelerador de partículas.

O programa contará tamén con Emilio Xosé Rodríguez, investigador posdoutoral da Universidade de California nos Ánxeles (UCLA) no experimento CMS e antigo investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Con el, Manuel Vicente descenderá a máis de cen metros de profundidade para trasladar os oíntes á caverna que acolle un dos detectores xigantes do LHC.

Completan este percorrido polo CERN o enxeñeiro industrial Ricardo Martínez, que traballa con robots resistentes á radiación, e o enxeñeiro informático Iago Seara.

Unha viaxe ao CERN para celebrar vinte anos de radio e ciencia

A experiencia non rematará nas ondas. Para celebrar a súa vixésima tempada, ‘Efervesciencia’ ofrécelle á súa audiencia a oportunidade de coñecer en persoa este referente mundial da investigación científica. O programa sorteará unha viaxe para dúas persoas a Xenebra que inclúe unha visita ás instalacións do CERN.

Ao longo da tempada, os oíntes poderán conseguir números para o sorteo participando nas diferentes probas e concursos que proporá o espazo. O nome da persoa gañadora darase a coñecer na gala do 20 aniversario de ‘Efervesciencia’, que terá lugar o sábado 5 de xuño de 2027 en Santiago de Compostela.

Dúas décadas achegando a ciencia á sociedade en galego

Con vinte tempadas en antena, ‘Efervesciencia’ consolidouse como un referente da divulgación científica en galego. Nesta tempada, o seu labor acaba de ser recoñecido co Premio Prismas Casa das Ciencias dos Museos Científicos Coruñeses ao mellor programa de radio.

Dirixido e presentado por Manuel Vicente, ‘Efervesciencia’ é un programa da Radio Galega producido pola Universidade de Santiago de Compostela e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Este especial reforza o compromiso da Radio Galega coa divulgación científica, a difusión do talento investigador galego e o acceso ao coñecemento na nosa lingua.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade