A Radio Galega renóvase: novas voces, máis deporte, máis humor e un podcast cultural diario en AGalegaAudio.gal - CSAG
A Radio Galega renóvase: novas voces, máis deporte, máis humor e un podcast cultural diario en AGalegaAudio.gal
Roberto Carlos Carballo toma os mandos do ‘Galicia en Goles’, mentres que Fran Cañotas volve á radio con Antonio Mosquera para presentar ‘A penaltis’, un innovador programa de entretemento deportivo
En ‘A Bóla Extra’, Leti da Taberna e Todo Mal, ou o que é o mesmo, Carla Núñez e Marcos López, porán a irreverencia máis divertida nas mañás do ‘Galicia por Diante’ con Kiko Novoa e Cristina García
A cultura refórzase como eixe transversal da grella de Radio Galega, e o ‘Diario Cultural’ terá tamén unha edición de fin de semana e un podcast diario en AGalegaAudio.gal

Santiago, 27.08.2025.- A Radio Galega inicia o luns 1 de setembro a tempada 2025-2026 cunha dobre aposta estratéxica: por unha banda, a renovación do emblemático ‘Galicia en Goles’ e a estrea de ‘A penaltis’, e por outra, ampliar con novos formatos transversais os contidos culturais, incluíndo un novo podcast diario en AGalegaAudio.gal.
No eido deportivo, Roberto Carlos Carballo asume a dirección e presentación de ‘Galicia en Goles’, substituíndo a Xoán Galán, que pasa á coordinación de deportes da Corporación, tras 26 anos no micrófono. O espazo, sinónimo de fútbol da terra desde que se xogaba en campos de terra, ofrecerá máis de 17 horas de retransmisións cada fin de semana pola FM, e a través de AGalegaAudio.gal, con tempo para todo o deporte galego por terra, mar e aire.
Tamén como novidade deportiva, de luns a xoves, a partir das 22:00 horas, chega ‘A penaltis’, un programa conducido polos televisivos Fran Cañotas e Antonio Mosquera. Será un formato dinámico, participativo, que non foxe da polémica, pensado para conectar tamén coas comunidades dixitais de seareiros dos equipos galegos por todo o mundo.
Por outro lado, a Radio Galega volve apostar pola cultura como elemento central de conexión coa audiencia. Os contidos culturais estarán presentes a través do equipo do ‘Diario Cultural’ ao longo de toda a grella en programas como ‘Galicia por Diante’ ou ‘A Tarde’, integrando música, literatura, artes visuais ou patrimonio na actualidade diaria.
Amais diso, o ‘Diario Cultural’ amplía a súa presenza cunha edición nas fins de semana e cun podcast diario en AGalegaAudio.gal, conducido por Ana Romaní. A proposta servirá de escaparate ás voces creativas e ás iniciativas máis innovadoras do país, coa análise de expertos como Carlos Crespo, que seguirá presentando os artistas emerxentes; Afonso Becerra, que debullará as novidades semanais das artes escénicas; Mónica Maneiro, que guiará os oíntes polas exposicións de artes que non deben deixar de percorrer; Tito Lesende, que encherá a axenda de citas e novidades musicais, mentres que Malores Villanueva e Andrea Jamardo presentarán as novidades literarias máis destacadas.
Pola súa parte, o ‘Galicia por Diante’ reforza a súa presenza multicanle, mantendo a emisión simultánea en Radio Galega e TVG no tramo de 07:00 a 08:00 h, conducido por Celia Rúa e Luís Ojea. A parte informativa arrincará ás 06:00 h e prolongarase ata as 09:30 h, con novas voces para analizar a actualidade: Xulio Ferreiro, profesor na UDC e exalcalde da Coruña; Rafael Cuiña, exalcalde de Lalín; María Jamardo, xefa de Tribunais de ‘El Debate’; Adrián Dios, profesor de Economía da USC; Belén Teiga, xornalista de ‘El Correo Gallego’, e Manuel Varela, xornalista de ‘La Voz de Galicia’, sumaranse aos faladoiros do ‘Galicia por Diante’ e ‘A Crónica’. Unha análise da actualidade que completarán día a día Paula Chouza, xornalista de ‘El País’; José Manuel Estévez Saá, profesor na UDC, e Elías Feijóo Torres, profesor de Filoloxía na USC, nas súas columnas de opinión.
Desde as 09:30 ata as 14:00 h, Kiko Novoa e Cristina García collen o testemuño para afondar na actualidade diaria, acompañados por colaboradores como Tonhito de Poi e os especialistas O Barroquista, Enfermera Saturada, DeborahCiencia, Pedro Feijoo e Martina González Veiga. O humor continúa a ter un papel central da man de Leti da Taberna e do dúo Carla Núñez-Marcos López (Todo Mal), protagonistas de ‘A Bóla Extra’, o espazo máis imprevisible e falangueiro da mañá, eno que a audiencia ten sempre a última palabra…ou case sempre.
Ás 14:00 h, Xosé Valiñas e o equipo de Informativos presentan unha nova edición de ‘A Crónica’, seguida por ‘A Tarde’, con Antón Rebollido (16.00 h), acompañado por voces como Virtudes (A Repunante), Norberto Proupín, médico de atención primaria; Maximimo Pérez, experto en seguridade viaria; a agricultora youtuber Nuska Chousa; Rafael Quintiá, antropólogo, e as xornalistas Ana Gayoso, Inma Morandeira e Alejandra Tojo.
A información regresa ás 19:00 h con Silvia Pereira, cunha edición de ‘A Crónica’ que se prolongará ata as 22:00 h, cun especial foco na actualidade deportiva e con faladoiros plurais. Ademais, de luns a xoves ás 21:00 h emitiranse os espazos temáticos sobre mar, viaxes, tecnoloxía e ciencia como ‘Mar de Ardora’, ‘Lambóns de Viaxe’, ‘Lambóns Dixitais’ e ‘Efervesciencia’.
Logo dos deportes, desde a media noite ata a unha da mañá, Rubén Riós ponse aos mandos de ‘Seres’, un programa de autor, onde as historias máis humanas se converten en sons radiofónicos.
Tras ‘Seres’, Pepe Capelán colle as rendas do programa líder das noites en Galicia, ‘Pensando en Ti’, acompañado por Isi e Toño Casais, para darlles voz aos oíntes, auténticos protagonistas do programa. Nas fins de semana, Marcial Mouzo manterá a dirección deste clásico das madrugadas galegas.
Nuria Polo e Isabel Pichel estarán á fronte de ‘Galicia por Diante Fin de Semana’. O tramo informativo cambia o seu horario de 09:00 a 10:00 h, con máis proximidade e espazo para a información deportiva. Ás 10:00 h, Pichel continuará ata o mediodía acompañada dos apuntamentos do catedrático Jorge Mira; do xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico de Santiago, Xosé Ramón Juanatey; do escritor Manuel de Lorenzo e do filólogo Paulino Novo. Se ben esta temporada contarán con novos compañeiros: a psicóloga e sexóloga Ana Castro Liz e as xornalistas Ángela Aboy e Adela Bértolo. O humor correrá a cargo de Tito Rober.
Toda a programación pode seguirse tamén en AGalegaAudio.gal, a maior plataforma de contidos de radio en galego do mundo, que ofrece acceso gratuíto vía web e aplicacións dispoñibles en Google Play e Apple Store.