div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal contan este martes a semifinal do Mundial 2026 entre España e Francia

O ‘Galicia en Goles’ estará na Coruña, Santiago, Ourense e Vigo para vivir cos afeccionados o histórico partido, a través das pantallas xigantes

csag.gal 13/07/2026 13:31

Santiago, 13.07.2026.-    A Radio Galega e AGalegaAudio.gal realizarán este martes unha ampla cobertura da semifinal do Campionato do Mundo de Fútbol 2026 entre as seleccións de España e Francia. O ‘Galicia en Goles’ ofrecerá unha edición especial desde as 19:30 h, que se prolongará durante catro horas e media ata a medianoite. O programa incluirá conexións coas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, onde os afeccionados se congregarán para vivir en comunidade un dos partidos máis importantes da historia recente do fútbol español.

O partido, correspondente ás semifinais do Mundial 2026, disputarase no AT&T Stadium de Dallas a partir das 21:00 h. Será a segunda vez que España dispute unhas semifinais dun Mundial, a primeira desde Suráfrica 2010. Este é o primeiro cruzamento entre españois e franceses nunha Copa do Mundo desde os oitavos de final de Alemaña 2006, hai xa 20 anos.

España é optimista tras vencer a Francia nas dúas últimas semifinais

O historial recente sorrille á selección española, que eliminou a Francia nas dúas últimas semifinais disputadas entre ambos combinados: na Eurocopa 2024, con vitoria por 2-1 no camiño cara ao título continental, e na Nations League 2025, na quenda de penaltis, tras un 5-4 que acabaría con España perdendo a final por penaltis ante Portugal.

A maldición gala, de 1984 a 2006

España e Francia arrastran ademais un longo historial de enfrontamentos decisivos en grandes citas, con capítulos amargos para os intereses españois. En 1984, os galos gañaron a final da Eurocopa disputada en territorio francés. No ano 2000, Francia volveu cruzarse no camiño de España, eliminándoa na Eurocopa daquela edición. E en 2006, no Mundial de Alemaña, foi de novo a selección gala quen apeou a España do torneo, nun partido que acabaría marcando o camiño dun combinado francés que remataría como subcampión do mundo.

Con esa historia de fondo, e cun presente recente favorable á Roja, a cita de Dallas promete ser unha nova páxina apaixonante dun dos duelos máis intensos do fútbol europeo actual.

Dispositivo especial de Radio Galega e AGalegaAudio.gal

A cobertura especial arrancará ás 19:30 h da tarde cunha previa que percorrerá o ambiente nas catro pantallas xigantes instaladas na Coruña, Santiago, Ourense e Vigo, e continuará coa retransmisión en directo do partido. A despregadura rematará coa análise e as reaccións posteriores ao encontro, ata a medianoite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade