div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A primeira canle da TVG retransmite este domingo o partido Real Sociedade B-Deportivo da Coruña

A partir das 14:00 h, o campo de Zubieta acolle a visita do equipo de Antonio Hidalgo

O derbi Ourense C. F.-Arenteiro será protagonista o sábado pola tarde na G2

csag.gal 27/02/2026 16:45

Santiago, 27.02.2026.-    A Televisión de Galicia volve retransmitir este domingo un partido do Deportivo da Coruña na súa carreira polo ascenso á Primeira División. A partir das 14:00 h, o campo de Zubieta acolle a visita do equipo de Antonio Hidalgo ao filial da Real Sociedade, que en Riazor fora quen de gañar por 0-3. Nesta segunda volta, o Sanse acumula catro xornadas sen perder, sumando 10 puntos de 12 posibles.

O Deportivo acaba de derrotar o Éibar e continúa nos postos de playoff. Esta xornada xogará despois dos tres primeiros clasificados, xa que o Almería visita o Albacete o venres pola noite e o sábado xogan en Castalia o primeiro e o segundo, Castellón e Rácing de Santander. A emisión do Real Sociedad B-Deportivo comezará ás dúas menos cuarto da tarde, coa narración de Óscar Benito e os comentarios do adestrador Tito Ramallo e da ex-xogadora Miriam Ríos.

A Primeira RFEF, na G2

O sábado, a partir das 16:15 h, a segunda canle da TVG ofrece desde o estadio do Couto o partido de rivalidade entre dous equipos veciños, o Ourense C. F. e o Arenteiro do Carballiño. A cita chega nun momento crítico para os dous, que están pelexando pola permanencia no grupo primeiro da Primeira RFEF. 

O Ourense perdeu a pasada xornada en Guadalajara, sumou só 3 dos últimos 15 puntos disputados e está a un dos postos de descenso. O Arenteiro, mentres, é o antepenúltimo clasificado tras caer pola mínima ante o Tenerife e figura a catro puntos da salvación.
          
A Segunda RFEF, en AGalega.gal

O domingo, a plataforma AGalega.gal emitirá no formato multifútbol dous derbis galegos do grupo primeiro da Segunda RFEF. A partir das 17:00 h, os seareiros poderán seguir o Bergantiños-Fabril, desde o campo das Eiroas de Carballo, e o Sarriana-U. D. Ourense, no terreo de xogo da Ribela.

‘En Xogo’

O domingo, ás 22:25 h na G2 e a partir das 00:30 h pola primeira canle da TVG, os afeccionados ao fútbol poderán ver todos os resumes da xornada no programa ‘En Xogo’, con atención especial aos partidos Real Sociedade B-Deportivo da Coruña e Xirona-Celta de Vigo. Gustavo Varela conduce o espazo, en que participan os ex-xogadores Roberto Lago e Dani Mallo, xunto ao colexiado Xabier Rodríguez Campos ‘Arbiquepitas’.

Deportes nos Telexornais    

Durante a fin de semana, os espectadores da TVG estarán informados do que pase no deporte galego nos informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’. Ademais dos resumos dos partidos de fútbol terán presenza as imaxes do Cangas-Barcelona, Porriño-Gran Canaria e Valladolid-Guardés, das ligas de balonmán, xunto ao Liceo-Igualada, de hóckey sobre patíns, e os encontros de baloncesto feminino Ensino-Gran Canaria e Joventut-Baxi Ferrol. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade