div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A pretemporada do Celta e do Deportivo continúa esta fin de semana nos medios públicos galegos

Dobre duelo galego-asturiano este sábado, co partido entre o Celta e o Spórting de Xixón, na G2 e AGalega.gal, e o Oviedo-Deportivo, que se poderá ver a través da primeira canle e da plataforma

A oferta deportiva complétase coa xornada de traiñeiras, en que se ofrecerán a Bandeira Concello de Oleiros, a Bandeira Fabrika e a Ikurriña de Getxo, e co MXGP de Chequia

csag.gal 24/07/2026 16:50

Santiago, 24.07.2026.-    A pretemporada do Celta de Vigo e do Deportivo da Coruña volverá ser protagonista esta fin de semana da oferta deportiva dos medios públicos, que durante este verán están a retransmitir os partidos preparatorios dos dous equipos galegos que van competir na elite do fútbol español a partir do 15 de agosto.

Este sábado, ás 19:00 h, os espectadores da G2 e de AGalega.gal poderán ver en directo desde o campo da Lomba, en Vilagarcía de Arousa, o encontro amigable que disputará o Celta contra o Spórting de Xixón. Despois da súa estrea a semana pasada ante o Spórting de Braga, que rematou con empate a 2, o conxunto vigués disputará o seu segundo partido da pretemporada. Coincidindo co Día de Galicia, será unha grande oportunidade para que o celtismo volva reunirse e acompañe o equipo nesta cita especial dentro da preparación da nova campaña.

O calendario deparará hoxe un dobre duelo galego-asturiano, xa que a partir das 19:30 h, o Deportivo visita o Oviedo no Carlos Tartiere, nun partido que os espectadores poderán ver a través da primeira canle da TVG e da plataforma dixital. Trátase tamén da segunda cita de pretemporada para os coruñeses, que na primeira golearon o Compostela no estadio Vero Boquete. Antes de descender, o Oviedo competiu a temporada pasada en Primeira División, o que converte este amigable na proba de maior esixencia para o Depor ata o momento.

Ademais do fútbol, as outras grandes protagonistas desta última fin de semana do mes de xullo serán as traiñeiras. A G2 e AGalega.gal ofrecerán este sábado, ás 15:30 h, a XXV Bandeira Concello de Oleiros, regata valedoira para a Liga Galega de Traiñeiras.

A continuación, ás 17:15 h, tomará a remuda a Liga ACT, que regresa a augas vascas despois de realizar a pasada fin de semana a primeira parada da temporada en Galicia, con senllas regatas en Chapela e Bueu. A esa hora disputarase na baía da Concha, en Donostia, a proba feminina da Bandeira Fabrika, e ás 18:15 h será a quenda das embarcacións masculinas. As tripulacións guipuscoanas de Orio e Arraun Lagunak encaran a cita co obxectivo de dar un novo paso cara ao título nas súas respectivas ligas, a Eusko Label masculina e a Euskotren feminina. Tras o comezo do partido do Celta na G2, o desenlace da regata masculina poderá seguirse a través de AGalega.gal.

A liga de traiñeiras continuará ao día seguinte, o domingo 26, coa disputa da Ikurriña de Getxo, unha das citas máis veteranas do calendario de remo, no porto deportivo El Abra. A regata feminina dará comezo ás 11:15 h, mentres que a masculina farao ás 12:20 h.

A fin de semana deportiva rematará na G2 e AGalega.gal con motor. O Campionato do Mundo de Motocrós afronta este domingo a décimo cuarta cita da temporada 2026 co Gran Premio de Chequia. O histórico circuíto de Loket será o escenario onde os mellores pilotos volverán medirse na pista. A categoría raíña de MXGP chega coa loita polo título máis apertada ca nunca. Lucas Coenen mantén a primeira posición da táboa xeral, pero o seu marxe sobre Jeffrey Herlings reduciuse a só 11 puntos. Pola súa parte, o vigués Rubén Fernández asinou un destacado cuarto posto no Gran Premio de Gran Bretaña da última xornada, que lle serve ademais para escalar ata a sexta posición do Mundial. As dúas mangas da carreira poderanse ver en directo ás 14:00 e ás 17:00 h.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade