div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten este xoves o Breogán-Manchester

Desde as tres e media da tarde, segundo partido da previa da Basketball Champions League

csag.gal 16/09/2026 14:35

Santiago, 16.9.2026.-  A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal retransmiten en directo este xoves, ás tres e media da tarde, os cuartos de final da fase de clasificación da Basketball Champions League entre o Manchester Basketball británico e o Río Breogán, en Samokov (Bulgaria). Os lucenses chegan a esta cita coa moral polas nubes, despois de ofrecer o luns unha das mellores actuacións do seu historial europeo.

O Río Breogán estreouse na fase previa da BCL cunha auténtica exhibición, tras mallar no anfitrión, o Rilski Sportist búlgaro, por un contundente 126-80, a maior anotación da historia do club nun partido europeo. O equipo de Luís Casimiro foi superior dende o salto inicial, cun parcial de saída de 15-4, e encarrilou o choque xa no descanso (57-38) para rematar a faena sen darlle opción ao rival na segunda parte. O gran protagonista foi o pivote croata Danko Brankovic, imperial nos primeiros minutos con 13 puntos no primeiro cuarto e sen fallar un só lanzamento nos seus 19 puntos totais. Acompañárono na produción anotadora Francis Alonso (19 puntos), e Tevin Brown e Mavra (16 cada un), mentres Brankovic repartiu ademais 13 asistencias nunha exhibición coral do conxunto celeste.

Superado este primeiro obstáculo, o Río Breogán afronta o xoves a segunda eliminatoria da fase previa, un auténtico cuarto de final no maratón particular que os lucenses deben superar para selar a súa praza na fase de grupos da Basketball Champions League. En fronte estará o Manchester Basketball, que certificou o seu pase nun partido de infarto ao impoñerse por un axustado 73-74 ao conxunto alemán do Würzburg Baskets. Un formato sen precedentes na competición, con máis equipos ca nunca loitando por unha soa praza, obriga o conxunto de Casimiro a gañar catro partidos en apenas unha semana para completar a súa particular odisea búlgara cara á fase de grupos continental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade