div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten este sábado o derbi da Primeira Federación entre o Lugo e a U. D. Ourense

Antes do fútbol, os espectadores poderán ver, desde as 16:45 h, o partido de baloncesto feminino entre o Leganés e o Celta

O multifútbol da Segunda RFEF que se emite de xeito exclusivo pola plataforma adiántase á tarde do sábado, cos encontros Compostela-Bergantiños, Arousa-Real Oviedo Vetusta, Coruxo-Torrelavega e Ourense C. F.-Gernika

csag.gal 27/11/2026 13:51

Santiago, 27.11.2026.-    O baloncesto feminino e as ligas da Federación de fútbol protagonizan a programación deportiva deste sábado na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal. A partir das 16:45 h, as xogadoras do Celta e do Leganés enfrontaranse nun partido chave no pavillón Europa para escapar dos postos de descenso. As galegas só lograron unha vitoria no que levamos de curso, mentres que as madrileñas teñen dúas e son o equipo ao que poden dar alcance ao remate desta xornada.

As retransmisións continuarán na G2 e na Galega.gal ás 18:45 h desde o estadio Anxo Carro, co derbi galego da Primeira RFEF entre o Club Deportivo Lugo e a Unión Deportiva Ourense. O equipo local, líder do grupo 1, gañou a semana pasada no derbi de Pasarón ao Pontevedra. O adestrador Borja Fernández, figura histórica da U. D. Ourense, atoparase co club onde deixou pegada e co que logrou o ascenso á Primeira Federación. O cadro das Burgas chega á cita despois de perder ante o Rácing de Ferrol cun gol no tempo engadido e, aínda que cambiou de preparador, continúa mergullado na zona de descenso á Segunda RFEF.

Esta xornada, o multifútbol da Segunda RFEF que se emite de xeito exclusivo por AGalega.gal adiántase á tarde do sábado. A partir das 17:00 h, os afeccionados terán á súa disposición catro encontros. O máis atractivo é o derbi Compostela-Bergantiños, no Vero Boquete, que acolle dous equipos igualados, separados por un só punto. O Bergantiños, quinto con 19, atravesa o seu peor momento da temporada tras cinco xornadas sen gañar. Acaba de empatar 1-1 co líder, o Sestao, e de caer 0-1 co Basconia, na súa primeira derrota nas Eiroas. O Compostela, con 18 puntos, tamén leva dúas xornadas sen gañar e na pasada empatou 1-1 en Mendizorroza.

O Arousa recibe o Real Oviedo Vetusta con necesidades moi distintas ao rival. Suma 10 puntos e segue na zona baixa tras empatar 2-2 co Éibar B. O filial asturiano é cuarto con 21 puntos, está a un do Eibar B (terceiro) e chega con tres vitorias e dous empates nas últimas cinco xornadas.

O Vao acolle un enfrontamento entre dous equipos coa mesma necesidade, pero en momentos moi diferentes. O Coruxo, con 15 puntos, saíu do descenso con dúas vitorias seguidas, a última por 0-1 en Luanco. O Torrelavega, con 9 puntos, vive un momento crítico, ao quedar xa a seis puntos da salvación.

Por último, o Ourense C. F. tratará de escalar posicións ante un rival, o Gernika, que suma seis empates e está invicto fóra da casa. O factor de actuar como local no estadio do Couto pode ser determinante para que os puntos queden na casa.

‘En Xogo’

O domingo, a Televisión de Galicia pechará a fin de semana con ‘En Xogo’, o magazine deportivo que a segunda canle e AGalega.gal emitirán desde as 22:30 h. Durante 90 minutos, Gustavo Varela repartirá xogo entre os comentaristas Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos para analizar o calendario galego. Esta xornada, a atención estará posta en Riazor coa visita do líder, o Barcelona, ao Deportivo da Coruña. Mentres, en Balaídos, enfrontaranse dous clubs europeos, o Celta e o Vilarreal.

Antes dos dous amplos resumos do fútbol de Primeira División, os espectadores poderán ver todos os goles producidos na Primeira e Segunda Federación, xunto ás citas destacadas do grupo galego da Terceira RFEF. A TVG ofrecerá unha redifusión do espazo unha vez que remate o Especial Informativo da xornada electoral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade