A G2 e AGalega.gal ofrecen esta fin de semana os partidos Pontevedra-Lugo e Obradoiro-Xirona - CSAG
A G2 e AGalega.gal ofrecen esta fin de semana os partidos Pontevedra-Lugo e Obradoiro-Xirona
A plataforma dixital reserva para o domingo a sesión de multifútbol: Arousa-Éibar B e Bergantiños-Baskonia

Santiago, 20.11.2026.- A fin de semana de retransmisións deportivas na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal principia na tarde do sábado, ás sete menos cuarto, co Pontevedra C. F.-C. D. Lugo, da Primeira RFEF. O Lugo chega a Pasarón como líder con 28 puntos, despois de sufrir no Anxo Carro a súa primeira derrota da temporada como local, 1-3 fronte ao Mirandés. O Pontevedra é terceiro con 21 puntos e vén de gañar 2-3 en Almendralejo ao Estremadura cun dobrete de Papa Gaye. Con este triunfo queda a sete puntos do Lugo e a tres do Logroñés, segundo con 24, e por diante do Mirandés (20) e do Mérida (19). O último precedente entre ambos foi un empate a un gol en Pasarón o pasado mes de febreiro, despois de que o Lugo gañase na primeira volta por 1-0 hai xusto un ano no Anxo Carro.
O domingo, ás doce do mediodía, a G2 e AGalega.gal levan desde o Multiúsos Fontes do Sar o Obradoiro-Xirona, da xornada 9 da Liga Endesa, unha competición que lidera o Real Madrid, único invicto cun 8-0. O Monbus Obradoiro é décimo terceiro a só unha vitoria do Xirona, que ten un perfil extremo xa que gañou os catro partidos que xogou en Fontajau e perdeu os catro que disputou a domicilio. O equipo catalá está dirixido polo santiagués Moncho Fernández e conta no seu cadro con Jassel Pérez, o máximo anotador da liga con 19,8 puntos de media.
Xa pola tarde, ás cinco, AGalega.gal ofrece o multifútbol da xornada 12 do grupo 1 da Segunda Federación, con dous partidos: Arousa-Éibar B e Bergantiños-Baskonia. O Arousa é décimo quinto con 9 puntos tras once xornadas (unha vitoria, seis empates e catro derrotas, con 17 goles a favor e 23 en contra) e acaba de empatar a un en Astorga con gol de Maceira. O rival é o terceiro do campionato con 21 puntos tras igualar a un tanto a pasada fin de semana en Amorebieta. Mentres, o Bergantiños recibe o Baskonia, que visita As Eiroas co obxectivo de recuperar algún dos puntos perdidos a semana pasada fronte ao filial do Alavés.
A fin de semana deportiva remata o domingo pola noite co ‘En xogo’. A partir das dez e media, na G2 e AGalega.gal, resumirá en profundidade os partidos Alavés-Deportivo, Real Madrid-Celta e Celta Fortuna-Valladolid. Gustavo Varela sentará na mesa de debate aos ex-xogadores Roberto Lago e Dani Mallo, xunto ao árbitro Xabier Rodríguez Campos. Ademais ofrecerá todos os goles dos partidos con presenza galega nas tres categorías dependentes da Federación. A primeira canle da TVG ofrecerá a redifusión do espazo a partir da unha da madrugada.