A G2 amplía as súas franxas infantís, desde este luns, durante todo o verán - CSAG
A G2 amplía as súas franxas infantís, desde este luns, durante todo o verán
A segunda canle da TVG incorpora outros 90 minutos de programación infantil e xuvenil e estrea espazos de ciencia e seguridade dixital en clave infantil
En ‘Inventa que inventa’, o robot iMigui achegará contidos científicos, a observación e o pensamento crítico aos máis pequenos, mentres que ‘O mundo de Alva’ ensinaralles a desenvolverse no eido dixital
‘A patrulla canina’, ‘Aventureira Carly’ e ‘As tartarugas ninja’ chegan tamén á canle

Santiago, 21.6.2026.- Coas vacacións escolares, a G2 e a plataforma infantil Xabarin.gal seguen sumando estreas e contidos para o público máis novo. A partir deste luns 22 de xuño e ata setembro, a segunda canle da Galega amplía ata as tres horas diarias a súa oferta para a rapazada con novas series e programas. Esta nova franxa infantil de mañá estenderase entre as 9:30 e as 11:00 h e estreará títulos como ‘As tartarugas ninja’ e ‘Inventa que inventa’, espazo de produción propia da canle. Ademais, na banda de 7:00 a 8:30 h incorporarase ‘A patrulla canina’ e a serie irlandesa ‘O mundo de Alva’, nunha oferta que combina diversión, aprendizaxe e entretemento para diferentes idades.
Ciencia, seguridade dixital e alfabetización mediática
Entre as estreas destaca o espazo de produción propia ‘Inventa que inventa’, en que o robot iMigui vai achegar a ciencia, a creatividade, o pensamento crítico e a experimentación ao público infantil. A través dos inventos ideados por nenos e nenas, o programa convida a observar e aprender dun xeito divertido. Súmase tamén a serie ‘O mundo de Alva’, que achega aos máis pequenos ferramentas para desenvolverse con seguridade no ámbito dixital, mediante historias ambientadas nun mundo fantástico inspirado en Internet e nas redes sociais. Creada polo galardoado estudio de animación Kavaleer Productions, e todo un éxito desde a súa estrea en 2021, a serie aborda cuestións vinculadas á alfabetización mediática e dixital, axuda a identificar riscos, e promove o pensamento crítico e o uso responsable da tecnoloxía.
Os famosos cachorros de ‘A patrulla canina’, a serie ‘Aventureira Carly’, que fomenta a curiosidade, o espírito explorador e a superación persoal ou o popular título ‘As tartarugas ninja’, chegan tamén á canle, e poden seguirse na app e plataforma Xabarin.gal.
A programación de verán manterá, ademais, algúns dos títulos favoritos da audiencia infantil, como as aventuras da superheroína adolescente ‘Ladybug’ e do afamado ourizo azul ‘Sonic Boom’. Para os que prefiran os contidos baixo demanda, Xabarin.gal continuará ampliando o seu catálogo durante todo o verán coa incorporación de novos títulos cada venres. A plataforma infantil da Galega, que xa suma 4.046 contidos dispoñibles, consolídase así como o gran espazo dixital de referencia para o público infantil e familiar, cunha ampla oferta estable de series, programas e propostas de entretemento accesibles en calquera momento.
