div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A CRTVG pecha as contas en positivo por 16º ano consecutivo, cun superávit de 1,3 millóns de euros

O director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, presentou este mércores no Parlamento de Galicia as contas anuais de 2024
A actual dirección saneou máis do 90% da débeda herdada en 2009, de 51 millóns de euros, e no 2013 eliminou a débeda bancaria
En materia laboral, no ano 2024 consolidouse o 100% do cadro de persoal e lanzáronse novas ofertas de concurso oposición e promoción interna.

 

crtvg.gal 28/05/2025 11:50

Santiago, 28.05.2025.-   A CRTVG pechou 2024 cun resultado orzamentario positivo por un importe de 1,3 millóns de €, como reflicten as contas anuais presentadas este mércores no Parlamento de Galicia polo seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. Por 16º ano consecutivo, a CRTVG rematou o exercicio pasado coas contas en superávit.

    Estes resultados orzamentarios consolidados poñen de manifesto a eficacia da xestión e o saneamento das contas. Sánchez Izquierdo lembrou que a actual dirección recibiu en 2009 unha Corporación cunha débeda de 51 millóns de euros, e que coa nova xestión e o control de gastos, e con orzamentos menores que en anos precedentes, xa en 2013 conseguiu eliminar a débeda bancaria, e en anos posteriores seguir reducindo a débeda ata os números actuais. O director xeral incidiu nesta eficiencia na xestión económica, indicando que no 2009 o orzamento fora de 146,9 millóns de euros, mentres que no 2024 foi de 128,2 millóns, “que en valores absolutos son 18,7 millóns menos e actualizados ao IPC acumulado son 28 millóns de euros”.

Cadro de persoal

    Respecto dos recursos humanos e do compromiso sostido coa estabilidade no emprego, o director xeral expuxo que un ano máis seguiu reducíndose a contratación temporal e que, nunha continuación do iniciado coas OPE de 2021, 2022 e 2023, “neste 2024 aprobouse unha nova Oferta de Emprego Público con 10 prazas por concurso-oposición e 9 prazas de promoción interna”. Como resultado, “nos últimos 4 anos a Corporación ofertou un total de 315 prazas, acadando a consolidación do 100% do cadro de persoal” fronte ao 40% de temporalidade no emprego existente ao comezo da súa xestión”. O director xeral especificou que o gasto na partida de persoal ascendeu no 2024 a 54,7 millóns de euros.     
    
Apoio social e audiencias

    Izquierdo referiuse tamén á enquisa sobre a percepción do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia desenvolvida no 2024, que concluíu que case 7 de cada 10 galegos afirman que a TVG cumpre a súa misión de servizo público e teñen unha imaxe de marca positiva da TVG. O estudo sinala tamén que máis de dous terzos da poboación galega que ve televisión son espectadores algunha vez ao mes da TVG e case 8 de cada 10 xulgan a TVG como socialmente útil. Estes datos teñen a súa correspondencia nas audiencias. A TVG pechou 2024 sendo a canle máis vista de Galicia e a autonómica máis vista de España, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios, e a terceira autonómica máis vista de España, segundo os datos de Kantar Media.

    2024 foi o ano da creación das tres plataformas dixitais da Corporación: AGalega.gal, AGalegaAudio e Xabarin.gal.  As tres conforman a maior oferta audiovisual de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario. AGalega.gal   rematou 2024 con preto de millón e medio de usuarios e sendo descargada en máis de 200 países, cumprindo co seu obxectivo de multiplicar o impacto dos contidos da canle e do sector audiovisual galego.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade