A cantante gaditana Merche e a artista cubana Lucrecia, convidadas no 'Luar' deste venres - CSAG
A cantante gaditana Merche e a artista cubana Lucrecia, convidadas no 'Luar' deste venres
Tamén participarán da velada musical (21:40 h) Catuxa Salom, o Grupo Origen, a Agrupación Xermolos de Guitiriz e Kike Varela xunto a Ferriñas Bravas

Santiago, 06.02.2026.- O programa ‘Luar’ terá hoxe como estrela convidada a cantante, compositora e produtora española Merche, unha das artistas máis destacadas do panorama musical español, que é autora da totalidade de temas incluídos nos seus álbums. Ademais de interpretar algúns dos seus grandes éxitos, a artista gaditana presentaralles aos espectadores o seu novo sinxelo, ‘Labios de rojo’, unha canción con toques flamencos en que fala de soltar as présas, reconectar con un mesmo e aprender a gozar da vida desde a calma.
O espazo da TVG tamén recibirá este venres a visita da artista cubana, asentada en Barcelona, Lucrecia, unha das voces latinas por excelencia en Europa e Latinoamérica, gañadora dun Grammy Latino en 2011. Lucrecia é un exemplo de vitalidade e de ledicia en cada unha das súas actuacións.
Outra das convidadas desta noite será Catuxa Salom, artista galega de raíces arxentinas cuxas cancións son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás raíces, onde o folclore galego se fusiona con ritmos tribais latinoamericanos baixo un envoltorio electrónico.
Ademais, pasarán polo escenario de ‘Luar’ o Grupo Origen; a Agrupación Xermolos de Guitiriz, que este 2026 celebra medio século de actividade vinculada á cultura galega, á música e á memoria colectiva, e Kike Varela, un dos picadiscos galegos máis soados, que se une á formación de pandeireteiras Ferriñas Bravas para interpretar ‘San Salvador’.
No ‘Luar’ desta noite tamén será protagonista a maxia, coa presenza de Román García, coñecido, premiado e innovador ilusionista coruñés. Nos seus espectáculos une arte e ciencia, comedia e drama, imaxinación e realidade, dando lugar a un estilo propio, fresco e desenfadado.
Coma sempre, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar non se despedirá sen ofrecer unha nova entrega do concurso de talentos ‘Recantos’, hoxe coas actuacións de Lu Pérez, procedente da comarca da Arousa e de Nusky, representante do Miño oriental.