'Somos animais' enfróntase ao reto de coidar máis de 20 animais e de educar un galgo xordo - CSAG
'Somos animais' enfróntase ao reto de coidar máis de 20 animais e de educar un galgo xordo
Hugo Cabaleiro e os expertos do programa amosan en casos reais como resolver situacións complexas coas mascotas

Santiago, 9.4.2026.- O programa ‘Somos Animais’ (22:40 h) continúa percorrendo Galicia para axudar propietarios con problemas cotiáns coas súas mascotas. Nesta ocasión, Hugo Cabaleiro e o equipo de expertos afrontan dous retos moi especiais que porán a proba a súa experiencia no comportamento animal.
Samu, o educador de cans e cabalos do programa, acompañará a Hugo para botarlle unha man a Mónica, que ten ao seu cargo máis dunha vintena de animais de distintas especies, entre cans, cabalos, burros e cabras. O reto será organizar e mellorar a convivencia entre todos eles para facilitar o seu coidado diario.
Pola súa parte, Jorge coñecerá unha parella que acaba de adoptar un galgo agarimoso e moi divertido, pero que ten unha particularidade: é completamente xordo. A través deste caso, o programa amosará como se pode educar un can que non escoita, utilizando métodos adaptados e técnicas de comunicación diferentes.
‘Somos Animais’ é un ‘reality’ que busca ensinarlle ao público a resolver os problemas que xorden na convivencia cos animais.
