'Palmira Lará' chega esta noite á TVG cunha viaxe pola memoria musical e humana de Galicia - CSAG
'Palmira Lará' chega esta noite á TVG cunha viaxe pola memoria musical e humana de Galicia
Miguel Lesta e Leticia Rei percorren o país para reencontrarse coas persoas que mantiveron viva a tradición oral e musical galega
Cun formato road trip, ademais de poñer en valor a música tradicional galega, o programa busca unir xeracións arredor do patrimonio cultural galego
Na súa estrea coñecerase a Teresa dos Cucos, o labor das Raigañas de Cerqueda e Ortiga intentará aprender a tocar a pandeireta

Santiago, 01.06.2026.- A música tradicional galega convértese na protagonista de ‘Palmira Lará’ (22:45 h), o novo espazo que chega hoxe ao ‘prime time’ da TVG cunha proposta que mestura viaxe, memoria e identidade cultural. Inspirado no espírito de ‘Alalá’ e cun formato de road trip, o programa acompaña a Miguel Lesta e Leticia Rei, dous profesores de baile tradicional e divulgadores da nosa cultura, que levan anos percorrendo Galicia na recollida e recompilación das cancións, bailes e historias, transmitidas de xeración en xeración.
‘Palmira Lará’ nace coa vocación de converterse nunha viaxe ao corazón da memoria viva de Galicia e, ao longo de oito episodios, os espectadores coñecerán o traballo de homes e mulleres, que mantiveron viva, durante xeracións, a transmisión de música, bailes e instrumentos, que forman parte do noso patrimonio cultural.
Cada entrega contará, ademais, coa participación dunha figura destacada do panorama musical, que se sumará á viaxe para coñecer de primeira man as historias e un legado que segue inspirando xeracións. O programa reproduce así o espírito das tradicionais recollidas, nas que non só se recompilaban pezas musicais, senón tamén formas de entender a vida, lembranzas, experiencias e, en definitiva, fragmentos da memoria colectiva de Galicia.
Neste senso, ‘Palmira Lará’ busca tender pontes entre xeracións e reivindicar o valor das persoas maiores como transmisoras de coñecemento, creatividade e identidade. A través dos encontros entre músicos, investigadores e afeccionados, o programa mostrará como a tradición continúa viva e en constante transformación.
Dirixido por Saúl Rivas e Borja Casal, ‘Palmira Lará’ é unha produción de Voz Audiovisual para a TVG. Máis ca un programa musical, é unha invitación a ulir, compartir e comprender unha tradición que permanece viva grazas ás persoas que a conservaron e aos que a manteñen hoxe viva. Unha viaxe pola Galicia de onte e de hoxe que demostra que a música non só se interpreta, tamén se herda, se aprende e se transmite.
Na estrea, un maneo na costa con Teresa dos Cucos
Miguel e Leticia visitan esta noite a Teresa dos Cucos para falarlle da súa intención de percorrer Galicia na busca de persoas que lles poidan ensinar cantigas, bailes ou toques de pandeireta co obxectivo de que non se perda a nosa tradición. Van coñecer o labor das Raigañas de Cerqueda e van intentar que Ortiga aprenda a tocar a pandeireta coas mulleres de Langueirón.